HomeA CoruñaOs Foros da Veiga estrean este venres en Naraío unha nova etapa...

Os Foros da Veiga estrean este venres en Naraío unha nova etapa explicando as repercusións do tratado UE-Mercosur

- Anuncio -spot_img

A AVV O Castelo de Narahío, promotora do programa de charlas, convidou á secretaria xeral do SLG, María Ferreiro Santos, e a Xosé Ramón Cendán, representante do sindicato nos movementos antiglobalización

A Asociación veciñal O Castelo de Narahío vai retomar este venres 27 de febreiro os Foros da Veiga, o programa de charlas co que a entidade tenta achegar luz sobre distintos temas de actualidade convidando a persoas que coñezan ben a materia de que se trate. Os foros botaron a andar fanse agora dez anos e interrompéronse pouco antes da pandemia. Agora, nun tempo de voltas políticas e sociais, a asociación de Naraío volve poñer en marcha o ciclo, que se desenvolverá todos os últimos venres de mes do inverno e a primavera. A primeira xornada desta nova etapa estará centrada no tratado comercial Unión Europea – Mercosur e contará coa participación de María Ferreiro Santos, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, e Xosé Ramón Cendán, representante do SLG nos movementos antiglobalización. O encontro pretende ofrecer información clara e contrastada sobre un acordo internacional que pode ter importantes repercusións económicas, sociais e ambientais. A cita é no local social da Veiga a partir das 20:00h.

O acordo UE-Mercosur é un tratado de libre comercio negociado entre a Unión Europea e os países que integran o Mercosur —Brasil, Arxentina, Uruguai e Paraguai—, ao que posteriormente se sumou Bolivia, en proceso de adhesión. O obxectivo principal é reducir ou eliminar aranceis e facilitar o intercambio de bens e servizos entre ambos bloques, creando unha das maiores áreas de libre comercio do mundo, con máis de 700 millóns de persoas consumidoras.

As negociacións deste tratado trasatlántico comezaron a finais dos anos noventa, aínda que atravesaron múltiples paróns e reactivacións ao longo das últimas dúas décadas. En 2019 anunciouse un principio de acordo político, pero desde entón o texto segue pendente de pechar cuestións vinculadas ás garantías ambientais, ás cláusulas de desenvolvemento sostible e ao compromiso coa loita contra o cambio climático. Na actualidade, o tratado atópase nunha fase de revisión e negociación complementaria antes da súa eventual ratificación polos Estados membros da UE.

No caso de Galicia, o debate céntrase especialmente no impacto que podería ter sobre o sector primario e a industria agroalimentaria. A posible entrada de carne de vacún, aves, azucre ou soia procedentes de América Latina con menores custos de produción xera preocupación entre organizacións agrarias e gandeiras, que alertan dunha competencia difícil de asumir para as explotacións galegas. Tamén existen dúbidas sobre as diferenzas en estándares sanitarios, ambientais e laborais, que poderían situar en desvantaxe ás explotacións europeas.

No ámbito político galego, as posicións son diversas. O PP ten manifestado como partido e desde o Goberno da Xunta o seu apoio aos acordo con matices, igual que o PSOE, que incide na necesidade de incorporar cláusulas ambientais e sociais máis esixentes, mentres que o BNG se mostrou crítico co tratado, advertindo dos riscos para o agro galego e reclamando a súa paralización se non se protexen adecuadamente os intereses do sector primario do país.

Alén do posicionamento de partidos e colectivos como o Sindicato Labrego Galego, que tamén se opón frontalmente, hai voces nalgunhas actividades como a vitivinícola, o lácteo transformado ou a industria conserveira, que se refiren ao tratado como unha oportunidade de acceder a novos mercados con menos barreiras. Ademais do ámbito agroalimentario, o acordo, que actualmente está en stand-by, tamén abrangue cuestións como a contratación pública, a protección das indicacións xeográficas ou o comercio de servizos, aspectos que tamén poden ter repercusións para o tecido produtivo galego no seu conxunto.

A sesión dos Foros da Veiga buscará precisamente achegar claves para comprender en que consiste o acordo, en que punto se atopa e como pode afectar tanto ás persoas consumidoras como ás produtoras. O Castelo de Narahío convidou como poñentes a María Ferreiro Santos, secretaria xeral do SLG, e a Xosé Ramón Cendán, representante do sindicato nos movementos antiglobalización. Ambos participarán nun encontro con entrada libre este venres a partir das 20:00h no local social de Naraío.

A iniciativa, que supón o regreso dos Foros da Veiga despois de seis anos de pausa, enmárcase na programación periódica deste espazo de debate, que aborda temas de actualidade co obxectivo de fomentar entre a veciñanza unha reflexión informada e crítica.

Publicacións Relacionadas