HomeA CoruñaMaría Sampedro afirma que a compra da antiga fábrica de Conservas Cerqueira...

María Sampedro afirma que a compra da antiga fábrica de Conservas Cerqueira pon fin a un proceso complexo pasando da política das palabras á política dos feitos

- Anuncio -spot_img

• “Este acordo permite poñer fin a un expediente cargado de informes técnicos e vinculantes que debían ser rigorosos e que non existían o pasado 10 de outubro”, afirmou a alcaldesa

• “O que vivimos fai catro meses foi unha chambonada, un paripé que se fixo en tres días e coa que algún pretendía arranxar un tema que non é nin moito menos menor, cun inmoble que ten unha parte privada e unha parte concesionada”, dixo Sampedro

O pleno do Concello de Ribeira aprobou onte o acordo para a compra da antiga fábrica de Conservas Cerqueira S.A, que permitirá a adquisición, en adxudicación directa, do inmoble por un importe de medio millón de euros.

A nave, situada no barrio de Bandourrío é de interese histórico e arquitectónico, conta cunha superficie lixeiramente superior aos 500 metros cadrados, que serán transformados nun espazo multiusos a disposición da veciñanza, cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado con fondos Next Generation EU.
“Este acordo permite poñer fin a un expediente cargado de informes técnicos e vinculantes que debían ser rigorosos e que non existían cando, o pasado 10 de outubro, o señor Pérez quixo enganar aos veciños de Ribeira cunha compra ficticia que carecía de calquera validez legal”, afirmou a alcaldesa, María Sampedro, quen asegurou que “agora si se materializa con feitos concretos e reais” a adquisición do inmoble.

Lonxe de quedarse aquí, a rexedora incidiu en que enviará a certificación do acordo plenario á notaría para poder proceder a súa firma á maior brevidade, terminando así cun proceso que permitirá saldar a débeda que o Concello de Ribeira tiña desde fai anos cos veciños de Bandourrío.
“Ningunha compra dun inmoble pódese levar a cabo nin por capricho dun alcalde, nin se queira do pleno que é o competente aprobar este tipo de expedientes”, afirmou Sampedro, quen apuntou que, “mentres non existe unha escritura pública dunha notaría, é imposible exercer a compra”.

Unha “chapuza de tres días”

Sampedro aproveitou todo este proceso para cargar contra a xestión do anterior rexedor ao que acusou de “non facer nada durante dous anos” para axilizar todo este proceso. “O que vivimos fai catro meses foi unha chambonada, un paripé que se fixo en tres días e coa que algún pretendía arranxar un tema que non é nin moito menos menor, cun inmoble que ten unha parte privada e unha parte concesionada”, apuntou.

Esta maneira de actuar, seguiu Sampedro, provocou que o Concello de Ribeira correse o risco de perder os fondos europeos ao asinar un acordo que era nulo de pleno dereito. “Cando un quere arranxar as cousas tarde, mal e arrastro pasa o que pasou, corriase a posibilidade de ter que devolver os cartos cos seus correspondentes intereses que niso o señor Pérez xa ten experiencia”, afirmou a rexedora, quen lamentou “a irresponsabilidade institucional cara aos propietarios e cara aos veciños cunha compra falsa, algo que non é digno de ninguén que estivese a gobernar o Concello de Ribeira”.

En contraposición a todo o vivido co anterior Goberno Local, Sampedro reiterou que as cousas hai que facelas “cun traballo continuado, serio e atendendo a razóns técnicas porque, todo o que non sexa así, é tratar de vender fume e papel mollado”. A alcaldesa parabenizou á veciñanza que “por fin van a ter para o seu uso público un edificio cun valor patrimonial, industrial e cultural valiosísimo e que forma parte da idiosincrasia do pobo ribeirense”.

Publicacións Relacionadas