HomePontevedraBaixo MiñoTomiño celebra o seu entroido cun Venres de Foliada multitudinario

Tomiño celebra o seu entroido cun Venres de Foliada multitudinario

- Anuncio -spot_img

Vinte comparsas e máis de 1.500 persoas desfilarán polas rúas tomiñesas o 13 de febreiro nun dos eventos máis agardados da comarca

As rúas de Tomiño volverán converterse nun escenario colectivo cheo de creatividade, ritmo e humor. Tras o aprazamento polas malas condicións meteorolóxicas, Concello celebrará o entroido co seu tradicional Venres de Foliada este 27 de febreiro ás 21.30 horas cunha nova edición na que desfilarán 20 comparsas e máis de 1.500 persoas participantes.

O interese pola convocatoria volveu superar as previsións: presentáronse 30 grupos, polo que unha comisión técnica tivo que baremar para seleccionar as 20 comparsas que desfilarán finalmente. Encabezan o listado as tres formacións de Tomiño que participan de xeito habitual (Asociación Cultural Comparsa Luces de Tomiño, Asociación Cultural Ciklón e Comparsa Estrelas da Noite) xunto a agrupacións de toda a comarca e arredores, garantindo diversidade, posta en escena e un alto nivel artístico con temáticas diferentes e cheas de cor que farán gozar ao público.

O desfile manterá o formato tradicional: o orde de saída establecerase por rigorosa orde de chegada ao punto de partida, situado na rúa ao lado do CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán. O desfile comezará ás 21.30 h coas tradicionais treboadas para facer o seu percorrido pola rúa Gondomar ata rematar na Pedra.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou que “o Venres de Foliada é unha mostra do enorme talento e do traballo colectivo das comparsas, froito de meses de preparación. É unha noite na que Tomiño sae á rúa con orgullo e na que a participación da veciñanza fai do Entroido un espazo de encontro e convivencia”. Como explicou a rexedora, “a alta demanda que temos cada ano confirma que esta cita é xa un referente e que o Entroido de Tomiño segue medrando en calidade e participación”.

Con esta edición, Tomiño reafirma o seu compromiso cun Entroido vivo, participativo e aberto, no que a creatividade local convive coa chegada de comparsas de toda a contorna para ofrecer unha noite inesquecible de festa, música e cor.

Publicacións Relacionadas