HomePontevedraBaixo MiñoTomiño inicia a modernización das Casa das Mulleres Rurais

Tomiño inicia a modernización das Casa das Mulleres Rurais

- Anuncio -spot_img

O Concello impulsa unha intervención cun investimento de 150.000 euros para reforzar a función social do edificio

As obras mellorarán a eficiencia enerxética, a accesibilidade e a conservación deste espazo de encontro e referencia

Pistoletazo de saída a un novo proxecto co que Tomiño garantirá o futuro dun dos seus espazos comunitarios máis singulares sen renunciar ao seu pasado. O Concello xa iniciou os traballos de modernización da Casa das Mulleres Rurais, unha intervención que permitirá actualizar e mellorar este espazo emblemático mantendo intacta a súa identidade arquitectónica e o seu valor social.

O proxecto, que contará cun investimento total de 150.000 euros, contempla mellora da accesibilidade coa creación dunha rampla de acceso e dun aseo adaptado, resolver os problemas de humidades e filtracións que presenta o inmoble e a súa modernización enerxética a través do illamento integral do edificio. Ademais, renovaranse as carpinterías e substituiranse os sistemas de climatización, ventilación e iluminación por outros máis eficientes, reducindo o consumo enerxético e as emisións de CO₂. Esta iniciativa está financiada ao 20% con fondos propios do Concello e con case 107.000 euros de fondos europeos a través dos fondos FEDER e da Xunta de Galicia.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “o inicio destas obras supón dar un paso firme na rehabilitación sostible do noso patrimonio máis recente, garantindo que continúe ao servizo da veciñanza en mellores condicións. A Casa das Mulleres Rurais é un espazo cargado de significado, un lugar de encontro e participación que queremos adaptar ás necesidades actuais sen que perda a súa esencia”.

A Casa das Mulleres Rurais ocupa unha antiga vivenda unifamiliar pertencente ás coñecidas Casas de la Obra Sindical del Hogar, un conxunto de 6 grupos de 12 vivendas pareadas situadas na rúa Gondomar e na rúa da Pedra. Construídas entre finais dos anos 40 e principios dos 50, estas vivendas ultrabaratas definíanse pola súa sinxeleza, funcionalidade e carácter económico.

Coa intervención xa en marcha, o Concello actuará con especial sensibilidade sobre a singularidade do inmoble, preservando a estética exterior e a estrutura orixinal do edificio ao tempo que incorpora solucións que mellorarán o confort e a sustentabilidade do espazo para as vindeiras décadas.

A modernización da Casa das Mulleres Rurais permitirá que este equipamento continúe sendo un punto de referencia para o asociacionismo e a dinamización comunitaria, fortalecendo a súa función social e acompañando a evolución de Tomiño cara a un modelo máis inclusivo, eficiente e respectuoso coa súa memoria colectiva.

Publicacións Relacionadas