HomePontevedraO SalnésO BNG de Sanxenxo esixe a Alfonso Rueda unha rectificación sobre as...

O BNG de Sanxenxo esixe a Alfonso Rueda unha rectificación sobre as súas afirmacións de que a ausencia de vivenda pública no concello “é un bulo”

- Anuncio -spot_img

Os nacionalistas instan ao presidente da Xunta de Galicia a que “amosa un mínimo de respecto” á veciñanza dun municipio no que en máis de 20 anos non se construíu nin unha soa vivenda de promoción pública, a pesar da creación de Ínsula Sanxenxo para ese fin en 2006

“O o señor Rueda e o señor Martín estanse a rir da xente, especialmente da que tivo que marchar de aquí por falta de oferta de vivenda accesible, ou non teñen nin idea da realidade que lles rodea”, reprochan desde o Bloque

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo esixe ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que “mostre un mínimo de respecto” pola veciñanza, logo das declaracións realizadas o martes da semana pasada na visita realizada a Noalla para anunciar a construción de 25 vivendas de promoción púbica, nas que asegurou que ausencia desta demanda por parte da veciñanza e, especialmente, da xente moza, é “un bulo”. O Bloque considera moi grave que o señor Rueda “teña a pouca vergoña de afirmar algo así, cando nos últimos 20 anos a construción de vivenda pública que prometeu o seu compañeiro Telmo Martín na súa etapa anterior no Goberno local é cero”.

Lembran os nacionalista que foi en 2006 cando o señor Martín creou a empresa pública Ínsula, cun orzamento millonario e coa función de promover este tipo de construcións. Unha actuación que nunca se levou a cabo. “Agora, a Xunta de Galicia anuncia que Sanxenxo contará con 25 vivendas de promoción pública en 2008. É dicir, terán que pasar 23 anos ata que se faga realidade o anunciado por Telmo Martín”, denuncian desde o Bloque. O grupo da oposición ten claro que “é inaceptable que o presidenta da Xunta faga unhas declaracións tan lamentables”, pero máis grave se cabe é a complicidade amosada polo alcalde. “Ou ben se están a rir de todos os veciños e veciñas de Sanxenxo, e especialmente da xente moza que se ve na obriga de marchar a outros concellos ante a ausencia de prezos asequibles aquí, ou directamente nin o señor Rueda nin o señor Martín son conscientes da realidade que lle rodea”, aseguran os nacionalistas.

O Bloque recorda que cóntanse por milleiros as vivendas que fican vacías durante tres cuartas partes do ano en Sanxenxo. Todo como consecuencia da política de cemento e de especulación urbanística de Telmo Martín. “O alcalde leva desde principios de século promovendo construcións pensando no turismo e en facilitar segundas residencias para as rendas más altas e agora, cando aínda faltan máis de dous anos para que o municipio conte con 25 vivendas de promoción pública, ao presidente da Xunta ocórreselle dicir que as penurias que pasaron numerosas familias para poder atopar un lugar no que vivir, fóra do noso municipio, é un bulo”, cargan desde o Bloque, que tamén recorda que “desde o BNG apostamos pola creación dun parque público de vivendas reais, con prezos asequibles para a veciñanza, tendo en conta a súa capacidade económica”.

Por outra banda, desde o BNG demandan máis transparencia nos prezos destas futuras vivendas. “Estase a falar dun desembolso de 7 millóns de euros para facer este proxecto. Se se divide esa contía entre as 25 vivendas, sae un prezo de 280.000 euros por casa”, apuntan os nacionalistas, que tamén lamentan a falta de interese do Partido Popular en promover máis proxectos de trascendencia para Sanxenxo.
“Nin Telmo Martín nin Alfonso Rueda teñen interese en acometer o enlace entre o polígono de Nantes e Vilalonga, actuación longamente demandada, nin de dotar de persoal suficiente aos Centro de Saúde de Baltar e Vilalonga”, conclúen.

Publicacións Relacionadas