O director da Área de Transparencia e Goberno Aberto, Marcos Valiño, foi o encargado de explicar os detalles deste proxecto de transformación dixital que a institución provincial está a desenvolver para os concellos ourensáns
A Deputación de Ourense vén de presentar o seu proxecto de Padrón On-line na XVI edición do Congreso Nacional de Innovación e Servizos Públicos (CNIS), que se está a celebrar en La Nave, o centro de innovación máis grande de Madrid.
O director da Área de Transparencia e Goberno Aberto, Marcos Valiño, foi o encargado de explicar os detalles deste proxecto de transformación dixital que a institución provincial está a desenvolver para os concellos ourensáns.
Acompañado por responsables do Instituto Nacional de Estatística, o director da Área de Transparencia e Goberno Aberto destacou que a Deputación lidera este proxecto apoiándose en dúas premisas fundamentais: os ourensáns como verdadeiros protagonistas do mesmo e a interoperabilidade e colaboración entre administracións.
O proxecto Padrón On-line prevese que estea finalizado ao longo do mes de marzo para os 92 concellos da provincia e coa validación do Instituto Nacional de Estatística, reducíndose ao 50% o orzamento inicial previsto para o mesmo.
Ademais, co obxectivo de acompañar aos concellos na súa transformación dixital, a Deputación de Ourense ofrecerá soporte e mantemento da solución de forma gratuíta para todos eles ao longo dos vindeiros tres anos.
Cabe destacar que este proxecto conta con financiamento dos fondos NextGeneration da UE, cun orzamento de 1.330.000 euros e que se desenvolve en colaboración co Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, co Instituto Nacional de Estatística, coa Dirección Xeral de Catastro e cos 92 concellos da provincia de Ourense.
CNIS 2026
Este Congreso é un dos encontros de referencia en innovación pública que reúne a máis dun millar de responsables públicos e expertos en transformación dixital, ofrecendo un espazo clave para compartir proxectos, ideas e solucións que están a marcar o futuro das administracións.



