HomeDeputaciónsDeputación OurenseA Deputación publica o libro “A Virxe do Cristal: lenda, roubo, asasinato”,...

A Deputación publica o libro “A Virxe do Cristal: lenda, roubo, asasinato”, unha obra colectiva de memoria e reivindicación cultural

- Anuncio -spot_img

Esta obra, incluida no Plan Provincial de Publicacións,  constitúe “un acto de memoria colectiva fronte ao esquecemento”, tal e como a definiu o presidente Luis Menor, salientando o profundo significado cultural, histórico e emocional que a Virxe do Cristal representa para Vilanova dos Infantes, Celanova e para o conxunto da provincia

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu hoxe a presentación do libro “A Virxe do Cristal: lenda, roubo, asasinato”, unha publicación colectiva que reivindica a memoria histórica, a identidade cultural e o valor simbólico dun dos elementos patrimoniais máis singulares da provincia de Ourense.

O acto contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, encargado de pechar a presentación, xunto co alcalde de Celanova e coordinador do proxecto, Antonio Puga; as críticas literarias Tareixa Taboada e Mercedes Gallego; e o autor e coordinador da obra, Xosé Manuel del Caño. A cita reuniu arredor de medio cento de artistas e escritores que participan neste traballo coral arredor da Virxe do Cristal.

A presentación iniciouse cunha actuación musical de Mª do Ceo, quen interpretou unha peza composta por Armando González inspirada nesta emblemática figura, nun acto no que tamén se realizou a cesión simbólica de obras por parte dos escultores participantes.

Un exercicio colectivo de memoria e cultura

Durante a súa intervención, o presidente provincial destacou que esta publicación constitúe “un acto de memoria colectiva fronte ao esquecemento”, salientando o profundo significado cultural, histórico e emocional que a Virxe do Cristal representa para Vilanova dos Infantes, Celanova e para o conxunto da provincia.

A obra nace como resposta cultural aos feitos que marcaron profundamente á comunidade tras o asasinato do párroco Adolfo Enríquez e o roubo da histórica imaxe, acontecementos que deixaron unha fonda pegada social e emocional. O libro reúne creacións literarias e artísticas de máis de cincuenta autores e artistas, converténdose nun testemuño colectivo que contribúe a manter viva esta tradición e o seu valor simbólico.

Compromiso coa cultura e coa identidade ourensá

A Deputación de Ourense impulsou a edición deste libro, incluido no Plan Provincial de Publicacións, dentro da súa liña de apoio á cultura, ao patrimonio e ás iniciativas que contribúen á preservación da identidade ourensá.

Neste sentido, Luis Menor puxo en valor o papel da arte e da creación cultural como ferramentas para conservar a memoria colectiva e fortalecer o sentimento de pertenza, destacando que iniciativas como esta “son capaces de transformar a dor en cultura, reflexión e esperanza compartida”.

A xornada concluíu cunha fotografía de familia dos participantes, simbolizando o carácter colaborativo dun proxecto que converte esta obra nun espazo de encontro entre arte, historia e memoria compartida.

Publicacións Relacionadas