HomePontevedraO BNG de Vigo esixe unha actuación urxente para evitar a degradación...

O BNG de Vigo esixe unha actuación urxente para evitar a degradación irreversíbel da duna da Calzoa

- Anuncio -spot_img

Critica a falla de resposta e denuncia a responsabilidade municipal no colapso do sistema dunar por causa do deficiente deseño do seu feche perimetral

A fronte nacionalista advirte de que, se o Goberno municipal non actúa de inmediato, solicitará a intervención da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galiza

Xabier P. Igrexas: “A cidade non pode permitirse perder máis patrimonio natural por desleixo e xestión neglixente”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo expresou hoxe a súa “fonda preocupación” pola situación do sistema dunar da Calzoa tras o seu recente colapso e reclamou unha intervención técnica urxente para garantir a súa protección e recuperación.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, fíxose eco da denuncia pública realizada pola asociación ecoloxista ZOA, que se suma ás reiteradas advertencias formuladas por persoal científico sobre o risco de degradación irreversíbel deste espazo, catalogado como hábitat de interese comunitario.

Segundo subliñou Igrexas, trátase dun sistema dunar de alto valor ambiental, cunha función esencial de protección costeira, que “xa viña sufrindo unha presión continuada e unha evidente falla de medidas efectivas de conservación e protección”. Ao seu xuízo, o derrube producido polas intensas choivas “non é un feito imprevisíbel”, senón consecuencia dunha “acción neglixente continuada por parte do Goberno municipal”.

Neste sentido, o portavoz nacionalista criticou o “mal deseño e ineficacia” do feche perimetral instalado na duna, que non respondería a parámetros científicos básicos e cuxas deficiencias eran coñecidas desde hai anos polo Concello. Ademais, denunciou que vinte días despois do derrube “segue sen existir unha actuación clara nin medidas visíbeis de protección”, permanecendo un talude descuberto que facilita o tránsito de persoas e animais, incrementando a presión sobre o ecosistema.

Advertencia

Para o BNG, a pasividade do Goberno de Abel Caballero “resulta inaceptábel” ante a degradación dun hábitat sensíbel que require intervención inmediata e un plan de restauración rigoroso. Por iso esixe ao Concello que active de maneira urxente os mecanismos necesarios para garantir a protección efectiva do sistema dunar da Calzoa e a súa completa recuperación. “A cidade non pode permitirse perder máis patrimonio natural por desleixo e xestión neglixente”, advertiu Igrexas.

Igrexas advertiu expresamente ao executivo local que de non producirse unha resposta “efectiva e verificábel” no inmediato dirixiranse á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galiza para reclamar a súa intervención no marco das súas competencias en conservación do litoral.

“A defensa do noso litoral é unha responsabilidade institucional. Vigo precisa dunha política ambiental seria, preventiva e responsábel, e desde o BNG imos estar vixiantes e actuantes para que así sexa”, concluíu.

Publicacións Relacionadas