HomeA CoruñaO Concello de Fene executa traballos de mantemento en camiños municipais e...

O Concello de Fene executa traballos de mantemento en camiños municipais e prepara novas actuacións na rede secundaria

- Anuncio -spot_img

As intervencións realizadas estes días permitiron mellorar a transitabilidade tras os episodios de mal tempo

O Concello traballa na preparación da licitación de novas obras cun investimento previsto de preto de 70.000 euros.

O Concello de Fene está a levar a cabo esta semana distintos traballos de mantemento e acondicionamento en camiños municipais, no marco das actuacións habituais de conservación da rede viaria secundaria do municipio.

Parte desta rede presenta un grao de deterioro de diversa consideración, motivado principalmente polo paso do tempo, o tráfico intenso e as adversas condicións climatolóxicas, especialmente tras os prolongados episodios de mal tempo rexistrados nas últimas semanas. Neste contexto, ao longo destes días executáronse actuacións de mellora do firme en varios camiños do termo municipal.

Os traballos realizados consistiron en rozas e limpeza superficial previa, o perfilado e regularización do terreo mediante maquinaria mixta, así como a achega de zahorra artificial nas zonas máis deterioradas. Posteriormente procedeuse ao estendido, nivelado e compactado do material, co obxectivo de garantir unha correcta estabilidade do firme e unha mellor drenaxe.

As actuacións xa executadas corresponderon aos camiños de Buios e Rañoa (Sillobre), Rego da Moa (Barallobre) e Casal (Magalofes). Na actualidade os traballos continúan nos camiños de Tellerías (San Valentín) e outros na parroquia de Fene.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, sinalou que “estas actuacións responden á necesidade de dar unha resposta áxil aos danos provocados polo mal tempo, garantindo condicións axeitadas de seguridade e transitabilidade na rede viaria municipal”. A rexedora subliñou tamén que “o Concello mantén unha planificación continuada de mellora dos camiños, baseada na análise técnica do seu estado e nas demandas da veciñanza”.

Pola súa banda, o concelleiro de servizos, Adán Chao, explicou que “os traballos permiten eliminar desperfectos, regularizar fendas e reforzar o firme, mellorando as condicións de uso tanto para vehículos como para peóns, especialmente en tramos con pendentes ou cun deterioro máis acusado”.

Novas actuacións pendentes de licitar

Desde o Concello de Fene avanzan ademais que se está a preparar a licitación de novas actuacións de acondicionamento, cun investimento previsto de preto de 70.000 euros, que permitirán continuar mellorando distintos puntos da rede viaria secundaria.

Entre as zonas previstas atópanse o Camiño do Sartego e a súa contorna, arredores da avenida Doutor Sixto Mauriz, a zona de Río Castro e o camiño entre a Estrada do Peirao e O Souto, reforzando así a seguridade e a accesibilidade en diferentes ámbitos do municipio.

Publicacións Relacionadas