HomeO MorrazoBueuO concello de Bueu reivindica o Día das Mulleres con diversas actividades

O concello de Bueu reivindica o Día das Mulleres con diversas actividades

- Anuncio -spot_img
  • O venres 6 de marzo, o alumnado de 6º de primaria do CEIP A Pedra lerá a declaración “As Voces do Futuro” ás 12 horas diante do Concello
  • Do 2 ao 8 de marzo desenvolveranse as IV Xornadas Gastronómicas En Feminino Bueu

O Concello de Bueu presenta a programación con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, que incluirá unha declaración a cargo do alumnado do CEIP A Pedra, sesións formativas, cine, IV Xornadas Gastronómicas En Feminino Bueu e outras propostas que porán o foco na necesidade dunha sociedade máis xusta e igualitaria.

O programa arrancará o 5 de marzo coa sesión clínica “Violencia de xénero e saúde mental” coa Doutora Catia Lage, integrante do Grupo de Traballo de Violencia de Xénero do Sergas. Esta xornada, que se desenvolverá das 8.15 h ás 9.15 horas no Centro de Saúde da vila, vai destinada ao persoal sanitario e social e nela abordarase o impacto da violencia na saúde mental das mulleres, ferramentas para o diagnóstico clínico e estratexias para a detección e acompañamento dende a Atención Primaria.

O 6 de marzo será o día no que se concentrarán as actividades centrais. Ás 11.30 horas arrancará na Sala de Xuntas do CIM un obradoiro de risoterapia para mulleres; ás 12 horas terá lugar na Praza do Concello a declaración conmemorativa “As Voces do Futuro” a cargo do alumnado de 6º de primaria do CEIP A Pedra. Pola tarde, a Sala Multiusos do Centro Social do Mar acollerá ás 20 horas a IX Homenaxe Bueuesa Senlleira, que organiza o Club Golfiños e na que este ano se recoñecerá a Eva Bastón Graña, que traballa na recuperación de sementes antigas e fai pan no seu obradoiro con levedación adecuada.

O domingo 8 de marzo, ás 18.30 horas, celebrarase no salón de plenos do Concello á homenaxe ás mulleres cociñeiras de Bueu no marco das IV Xornadas Gastronómicas En Feminino Bueu; e despois, ás 19.30 horas, terá lugar no Centro Social do Mar a Gala da Muller organizada pola Asociación de Mulleres Rurais Mar e Agro.

O 12 de marzo desenvolverase a Xornada de Formación da Comisión de Instrución de Denuncias de Acoso entre as 11 e as 14 horas no salón de plenos do Concello, con Paz Filgueira, Maxistrada de Violencia de Xénero. A sesión vai dirixida aos membros da Comisión de Instrución de denuncias de acoso e nela trataranse os criterios para a validación de denuncias e filtro de queixas, a tramitación do expediente e medidas cautelares.

Como xa é habitual, o Cineclub Bueu proxectará o venres 13 de marzo un filme con perspectiva feminista. Nesta ocasión será Sempre nos quedará mañá, de Paola Cortellesi, e poderase ver ás 21 horas con entrada de balde no Centro Social do Mar. O filme desenvólvese nunha primavera na que toda unha familia está alborotada polo inminente compromiso da filla maior, Marcella, quen pola súa parte só espera casar rapidamente cun mozo simpático de clase media, Giulio, e librarse por fin da súa incómoda familia.

IV Xornadas Gastronómicas En Feminino Bueu

O Concello de Bueu e a hostalaría da vila organizan do 2 ao 8 de marzo as “IV Xornadas gastronómicas en feminino Bueu”, unha iniciativa que busca poñer en valor o papel das mulleres na cociña. Nesta ocasión, serán un total de quince locais da vila os que crearán as súas propias tapas en homenaxe ás mulleres cociñeiras bueuesas.

A iniciativa busca visibilizar o papel das mulleres cociñeiras, que constitúen máis do 80% das cociñas de restauración, ademais de seguir dinamizando a gastronomía da vila, que é unha das máis potentes da comarca.

Publicacións Relacionadas