HomePontevedraO BNG de Vigo esixe a Caballero que faga público o correo...

O BNG de Vigo esixe a Caballero que faga público o correo enviado á Policía Local sobre o Saltamontes

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista considera “moi relevante” a declaración xudicial do Xefe da Policía Local na que asegurou que nunca recibiron instrución para inmobilizar a atracción, medida que tería evitado o accidente mortal nas festas de Matamá

Xabier P. Igrexas: “573 días despois a pregunta segue a ser a mesma: se a atracción non tiña autorización municipal, por que se permitiu que funcionase e por que non se precintou?”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo reclamou hoxe ao Goberno local que faga público de maneira inmediata o correo electrónico remitido desde a Concellería de Seguridade á Policía Local no que se comunicaba que o Saltamontes, a atracción accidentada nas festas de Matamá o 3 de agosto de 2024, carecía de autorización municipal.

Cando se cumpren 573 días do accidente que provocou a morte do veciño Iván Castaño, de 36 anos, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, subliñou que continúa sen resposta a pregunta fundamental formulada pola fronte nacionalista desde o primeiro momento: “Se esa atracción non dispuña de autorización municipal, por que se permitiu que funcionase? Por que non se procedeu ao seu precintado?”.

Para o portavoz municipal nacionalista a declaración onte no proceso xudicial do xefe da Policía Local introduce un elemento “moi relevante” para determinar o alcance das responsabilidades municipais. O mando da Policía Local afirmou de maneira rotunda que non recibiron orde de proceder ao precintado da atracción, unha medida que, insistiu Igrexas, “podería ter evitado a morte”. Neste sentido, declarou en sede xudicial que no correo remitido desde a Concellería de Seguridade non constaba ningunha instrución expresa de inmobilización, malia comunicarse que a instalación carecía de permiso pola falla de documentación.

Para o BNG, non se trata dunha cuestión menor, xa que a concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, e o seu xefe de servizo tentaron derivar responsabilidades cara á Policía Local invocando esa mesma comunicación electrónica.

Por iso, Igrexas esixiu ao alcalde Abel Caballero, como máximo responsábel, que faga público “hoxe mesmo” o contido íntegro da mensaxe. “As viguesas e vigueses non merecen máis opacidade nin máis evasivas”, afirmou, lembrando que o Goberno municipal leva 573 días sen ofrecer explicacións claras e vetando a creación dunha Comisión de Investigación.

“A veciñanza ten dereito a coñecer a verdade para determinar de quen é a responsabilidade de non ter precintado a atracción”, concluíu.

Publicacións Relacionadas