HomeVigoO PorriñoO Entroido do Porriño volve esta fin de semana con máis de...

O Entroido do Porriño volve esta fin de semana con máis de 2.000 participantes

- Anuncio -spot_img
  • O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, anima a todas as veciñas e veciños a participar activamente en ambos eventos e subliña que, malia o cambio de datas, “serán celebracións espectaculares”.

O Porriño recupera esta fin de semana a celebración do Entroido tras o aprazamento das actividades programadas para o martes e mércores de Entroido debido ás condicións meteorolóxicas. A programación trasladarase finalmente ao sábado 28 de febreiro e ao domingo 1 de marzo, mantendo intacta a ilusión e o espírito festivo que caracteriza esta cita.

Máis de 2.000 participantes daranse cita nun completo programa que encherá as rúas da vila de cor, música e tradición. O sábado terá lugar o gran desfile de comparsas, acompañado por animación de rúa, charangas e batucadas, nun percorrido que culminará cunha actuación musical na Praza Arquitecto Antonio Palacios. Tódolos actos comezan as 17:00 horas.

O domingo celebrarase o tradicional Enterro da Sardiña, unha das festas máis representativas do Entroido porriñés, que tamén se inicia as 17:00 horas. A xornada inclúe o velorio no Círculo Recreativo Cultural, o acompañamento da sardiña polas rúas da vila, a lectura do testamento e o posterior traslado ao río Louro, mantendo viva unha das tradicións máis queridas pola veciñanza. Este ano terá lugar ademais a proxección de fotos de Cuquin (que durante anos foi o Rei do entroido de Porriño) e micro aberto para a lectura do testamento da sardiña, as 19:00 horas na praza Arquitecto Antonio Palacios. Despois dos actos de enterro terá lugar a actuación da charanga Louband.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, anima a todas as veciñas e veciños a participar activamente en ambos eventos “como sempre se fixo”, e subliña que, malia o cambio de datas, “serán celebracións espectaculares, como sempre o son no Porriño”.

O rexedor quixo tamén agradecer o “enorme traballo das comparsas, que levan semanas preparando a súa participación con esforzo e entusiasmo”, así como á veciñanza en xeral, “que vive cada Entroido como se fose único, facendo posible entre todas e todos este Porriño no que mantemos as tradicións e, ao mesmo tempo, innovamos; onde tradición e modernidade se mesturan, como non podía ser doutro xeito nunha cidade aberta ao mundo como a nosa”.

Desde o Concello destácase o compromiso por preservar e potenciar unha celebración que forma parte da identidade cultural da vila, e anímase á cidadanía e visitantes a gozar dunha fin de semana marcada pola participación, a creatividade e a alegría propias do Entroido.

Publicacións Relacionadas