HomeA CoruñaA veciñanza de Ribeira mantén a presión pola Sanidade Pública

A veciñanza de Ribeira mantén a presión pola Sanidade Pública

- Anuncio -spot_img

Luís Pérez Barral denuncia o desvío de 1.700 millóns á privada mentres faltan profesionais na Atención Primaria

Ribeira acolleu un xoves máis a mobilización en defensa da Sanidade pública na que se reclama a cobertura das prazas sanitarias nos centros de saúde do municipio.

O exalcalde e portavoz do BNG en Ribeira, Luís Pérez Barral, denunciou hoxe a situación sanitaria que padecen os centros de saúde de Ribeira e Aguiño, onde a veciñanza leva case un ano mobilizándose en defensa da Sanidade Pública. Segundo sinalou, “a presión social conseguiu que se cubriran parte das prazas vacantes, pero a día de hoxe aínda falta unha profesional en Aguiño e tres en Ribeira: un médico, un pediatra e unha matrona”.

Barral denunciou que esta situación é consecuencia directa das políticas do PP dende a Xunta de Galiza. “Entre 2020 e 2025 derivaron case 1.700 millóns de euros á sanidade privada, cartos que poderían ter servido para contratar persoal e reducir as listas de agarda nos hospitais”.

O portavoz nacionalista denunciou tamén que o Partido Popular, a través da Consellaría de Sanidade, está a “desprezar a Atención Primaria”, lembrando que dos 91 MIR que remataron en 2025 a especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria, o 65% marcharon. “Isto é o resultado do maltrato continuado, a precariedade laboral e o menosprezo dos responsables políticos aos profesionais”.

Así mesmo, recriminou a actitude da señora Sampedro por “seguir mirando polos intereses do PP mentres a veciñanza segue mobilizada para garantir un servizo básico”. Para Barral, “cando a cidadanía ten que saír á rúa para defender a sanidade pública é porque quen goberna está fallando”.

O BNG quixo trasladar o seu recoñecemento ás persoas mobilizadas e reiterou o seu compromiso de seguir defendendo unha sanidade pública forte, con persoal suficiente e atención de calidade. “Fronte aos recortes, hai unha maioría social disposta a loitar polos seus dereitos, e esa forza colectiva é a mellor garantía de que imos conseguir unha sanidade pública digna para todos e todas e van poder contar con nós”, concluíu.

Publicacións Relacionadas