Concello de Ponteareas convida á cidadanía á presentación e proxección do documental premiado co Goya “Ava”, de Mabel Lozano
A actividade, enmarcada no 8M, terá lugar o martes 3 de marzo ás 17:00 horas no Auditorio Municipal
O Concello de Ponteareas convida a toda a cidadanía a participar na presentación e proxección da curtametraxe documental Ava, da cineasta, xornalista e escritora Mabel Lozano, premiada co Goya 2024 ao mellor documental. O acto terá lugar o vindeiro martes 3 de marzo ás 17:00 horas no Auditorio Público Municipal de Ponteareas e contará coa presenza da propia autora.
A actividade enmárcase na programación conmemorativa do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, e propón un espazo de encontro e reflexión colectiva arredor de cuestións que afectan directamente ás mulleres e á igualdade real na sociedade.
A xornada combinará a proxección de pezas audiovisuais curtas coa intervención da autora, abordando temáticas como a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual, a prostitución e a desigualdade estrutural, o impacto do consumo de pornografía na adolescencia, a captación a través das redes sociais e a responsabilidade individual e colectiva fronte á violencia sexual.
A concelleira de Benestar Social, Raquel Plana, subliña que “é fundamental crear espazos de diálogo e sensibilización que nos permitan comprender mellor as múltiples formas de violencia que sofren as mulleres e reforzar o compromiso social para combatelas”.
Explica a edil que a campaña tamén se fai extensiva á comunidade educativa que tamén conversará con Mabel Lozano ás 12:00 horas no auditorio ese mesmo martes ademais dos actos que o Concello presentará para o día 8M. “A programación do 8M busca implicar a toda a veciñanza na defensa da igualdade real e na loita contra as violencias machistas. A presenza de Mabel Lozano, referente na denuncia da explotación sexual, é unha oportunidade de enorme valor educativo e social para o noso municipio”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destaca que “é importante a participación das mulleres e homes neste acto, tanto polo valor social e educativo da proposta como pola necesidade de compartir, visibilizar e fortalecer o compromiso colectivo fronte ás violencias machistas.
Ao remate da proxección e do coloquio, as persoas asistentes poderán participar nun café compartido coa autora.
O Concello de Ponteareas anima á veciñanza a asistir a esta xornada de sensibilización, diálogo e compromiso coa igualdade.



