Será o vindeiro mércores 4 de marzo cun obradoiro de imprenta de xelatina para todos os públicos e o recital do poeta Francisco Álvarez Koki
O Rosal, 26 de febreiro de 2026.- A exposición heART of Gaza entra na súa última semana no Rosal. O público poderá visitar ata o vindeiro mércores 4 de marzo os debuxos realizados polos nenos e nenas gazatís durante o actual xenocidio.
Un percorrido por obras que falan de dor, memoria e tamén de resistencia na Sala de Exposicións do Concello que se poderá ver de luns a venres de 09.00 a 14.00 h e sábados e domingos de 10.00 a 13.00 horas. Poderán ademais solicitarse visitas de tarde para persoas ou grupos que non poidan acudir no horario habitual a través de WhatsApp no número 638 037 865.
Para pechar colectivamente a mostra antes de que continúe o seu camiño cara ao Salón do Libro de Pontevedra, Concello e Baixo Miño con Palestina convidan a toda a veciñanza a unha xornada de despedida o propio mércores 4de marzo pola tarde.
A partir das 17.30 horas poderase participar no obradoiro de imprenta de xelatina por Palestina, un taller aberto a todos os públicos dirixido por Moncho Leal no que se multiplicarán os debuxos por Palestina e se poderán pintar e expoñer as creacións feitas.
Xa ás 18.30 horas cederemos a voz no recital do poeta guardés Francisco Álvarez Koki, escritor galego en residente en Nova York, onde fundou o colectivo Celso Emilio Ferreiro para a difusión da cultura galega
Será unha tarde para seguir reivindicando a arte e a cultura coma espazos de loita e resistencia.



