- Esta promoción súmase ás 300 vivendas previstas a través do Proxecto de Interese Autonómico para a construción de vivenda protexida no Porriño
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou na mañá de hoxe o Porriño para anunciar a licitación da redacción do proxecto e da execución das obras de 36 vivendas de promoción pública (VPP) no sector SUR-PPR-5 (Gulpilleira).
A visita prodúcese tras a sinatura, o pasado 6 de febreiro de 2026, do protocolo de colaboración entre a Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, S.A. (VIPUGAL) e o Concello do Porriño para promover vivenda protexida de promoción pública no municipio
Durante a súa intervención, a conselleira destacou que esta actuación forma parte da estratexia da Xunta para incrementar o parque público residencial nos concellos con maior demanda, facilitando o acceso a unha vivenda digna e adecuada, especialmente á mocidade e aos colectivos con máis dificultades.
Pola súa banda, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou que “no Porriño a vivenda é hoxe unha necesidade urxente e prioritaria”. O rexedor lembrou que o municipio é un dos que máis medra da contorna, o que leva aparellado un aumento moi significativo da demanda de vivenda. “O noso obxectivo é claro: facilitar o acceso a unha vivenda digna, especialmente aos colectivos con maiores dificultades e á xente moza que quere iniciar aquí o seu proxecto de vida”, afirmou.
Lorenzo puxo en valor a aposta decidida do Concello por poñer solo municipal ao servizo do interese xeral: “O patrimonio público debe estar sempre ao servizo da veciñanza. A cesión desta parcela para a construción de 36 vivendas de promoción pública é unha mostra clara dese compromiso”.
O alcalde agradeceu á Consellería a súa colaboración e destacou que esta promoción “súmase ás 300 vivendas previstas a través do Proxecto de Interese Autonómico para a construción de vivenda protexida no noso concello, configurando unha aposta ambiciosa e de gran alcance para ampliar de maneira moi significativa a oferta de vivenda protexida no Porriño”.
As 36 vivendas estarán destinadas a persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e contarán con réxime de protección permanente, conforme ao marco establecido no protocolo de colaboración.



