O Premio, que se entrega o domingo en Riomaior, recoñece a labor de costureiras, veteranas, músicas e xunta directiva da Asociación Cultural Cobres
O Premio 8M do Concello de Vilaboa recae este ano nas costureiras, no grupo de veteranas do Entroido de Cobres e nas mulleres da xunta directiva da Asociación Cultural Cobres, tres piares que sosteñen unha tradición única en Galicia e que, desde ámbitos distintos, comparten unha mesma misión: transmitir o amor profundo polo Entroido de xeración en xeración. A Casa da Cultura de Riomaior acollerá ás 19:00 horas o acto especial de homenaxe, unha celebración que reunirá música, memoria e recoñecemento colectivo. O programa inclúe a actuación musical das Pandereteiras Tudoten de Soutomaior, a proxección dunha vídeo reportaxe dedicada ás protagonistas e a entrega do Premio 8M Vilaboa a un total de 22 mulleres, nun encontro promovido pola Concellería de Igualdade de Vilaboa co apoio do Ministerio de Igualdade e do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Tanto para Carmen Gallego, edil de Igualdade, como para César Poza, alcalde de Vilaboa, este premio é un recoñecemento público ao traballo feminino por manter viva esta tradición singular. “Porque Cobres é o berce dun Entroido que define a identidade de Vilaboa e que hoxe forma parte do patrimonio inmaterial de Galicia. E son de novo as mulleres, as que foron capaces de manter este legado vivo. Un legado de valor incalculable que temos a responsabilidade de coidar e protexer para quen nos preceda”, aseguran. Este premio é, sobre todo, un “xesto de gratitude; unha maneira de dicirlles que valoramos o seu traballo e que a súa dedicación sostén unha tradición que nos fai únicas”.
As costureiras: o oficio que converte a tradición en arte
As costureiras son a man invisible que sostén o esplendor do Entroido, artesás capaces de transformar materiais humildes en pezas que abraian. No silencio das súas casas, entre teas que se estenden, puntillas que se escollen con mimo e centos de abelorios cosidos un a un, dan vida a traxes que requiren unha precisión extrema e unha dedicación que non se pode medir en horas. O seu labor abrangue tamén a creación dos vistosos sombreiros, auténticas arquitecturas de equilibrio e detalle, onde cada flor, cada pluma e cada brillo se coloca coa mesma paciencia que se herda de xeración en xeración. En cada madama e en cada galán vai a súa mirada, o seu coidado e a súa memoria. Grazas a elas, o Entroido non só se ve: respírase, emociona e permanece. Mari Carmen Docampo Solla, Carmen Cortegoso González, Aurita Palmeiro e María del Carmen Poceiro Buceta son parte esencial deste legado vivo, mulleres que co seu talento manteñen aceso o fío que une tradición e arte.
As veteranas: a memoria que non se deixa esquecer
As veteranas representan a voz da experiencia, o recordo vivo de como se celebraba o Entroido cando non había máis recursos ca ilusión. Foron quen de manter o costume en tempos difíciles, de ensinar pasos, melodías e rituais, de lembrar como se vestía e como se vivía a festa. Son o fío que une o que fomos co que somos, e sen elas o Entroido de Cobres non tería a súa alma.
Durante décadas, foron numerosas as mozas de Cobres que quedaron con ganas de Entroido. A realidade económica tamén pesaba: un traxe de madama, entre sombreiro, peitoril e prendas, podía supoñer un custo inasumíbel para moitas familias
Foi nese contexto de silencios e renuncias onde, hai catorce anos, xurdiron as Veteranas do Entroido de Cobres, un grupo maioritariamente feminino —aínda que con algunha presenza masculina— que decidiu recuperar o que lles fora negado. Ensaiaron, investigaron melodías antigas e subiron ao escenario de Riomaior os días grandes do Entroido, aqueles nos que máis xente se achega á festa. As Veteranas escolleron unha vestimenta discreta, inspirada nas antigas aldeás: sen sombreiro, sen peitoril e con poucas xoias, reivindicando así unha forma de participar que non dependa do luxo nin do custo económico. Para moitas delas, o grupo converteuse nunha segunda oportunidade: mulleres de trinta e poucos anos comparten escenario con outras que superan os sesenta, unidas pola mesma paixón e pola vontade de manter viva a tradición. Hoxe son símbolo de resistencia cultural e de orgullo colectivo.
A esta labor súmase o das mulleres que forman parte do grupo de música e da asociación Aires de Cobres, que sostén o Entroido desde o son, a memoria e a transmisión oral. Por esta labor recibirán o recoñecemento social María Isabel Fernández Poceiro, Carmen Castro González “Cachito”, Clara María Fernández Casal, Martiña Ferreira Novio, Verónica Moledo Fernández, Beatriz del Río Couso, María José Casal Barros, María Luisa Poceiro Camiña, Inés Collazo Corbacho, Patricia Poceiro del Río, Alicia Meira Ríos, Rosana Mayan Pazos e María de los Ángeles Framil García, mulleres que representan distintas xeracións e historias persoais, unidas pola mesma paixón por manter viva a tradición.
A xunta directiva: o traballo silencioso que fai posible o imposible
A xunta directiva da Asociación Cultural Cobres merece un recoñecemento especial polo seu labor constante, discreto e imprescindible e no 8M será para as súas integrantes femininas. Son quen sosteñen a organización, a transmisión e a protección desta tradición centenaria, asumindo tarefas que non sempre se ven pero que fan posible que o Entroido continúe vivo, ordenado e forte ano tras ano. Coordinan grupos, recuperan documentación, impulsan proxectos, acompañan ás novas xeracións e manteñen o equilibrio entre o respecto polo legado e a adaptación aos tempos actuais.
Organizar as saídas do Entroido, un labor cada vez máis complexo porque a presenza das madamas e galáns é demandada en máis lugares e en máis actos ca nunca. Xestionan calendarios, compromisos, desprazamentos e necesidades loxísticas que requiren unha coordinación fina e constante.
A isto súmase unha das tarefas máis difíciles e menos visibles: facer auténtica enxeñería financeira para conseguir os recursos necesarios que permitan manter viva a festa. Buscar apoios, administrar orzamentos axustados, garantir materiais, vestimenta, música, transporte e infraestrutura… todo iso sen perder a esencia nin comprometer a continuidade da tradición. Coa mirada sempre posta nos catro días completos de festa, nos que todo debe funcionar con precisión para que o público só vexa beleza, música e tradición, nunca o esforzo titánico que hai detrás.
Por iso o Concello de Vilaboa recoñecerá a Jessica Lameiro Cortegoso, Sara Barros González, Lidia Peleteiro Arosa e Tamara Pazos Mariño, catro mulleres que representan compromiso, responsabilidade e unha dedicación que vai moito máis alá do visible.
A súa labor confirma unha realidade xa incuestionable: o Entroido de Cobres avanza grazas ás mans, ás voces e á entrega das mulleres que o coidan desde dentro, garantindo que cada danza, cada melodía e cada sombreiro continúen a formar parte da identidade colectiva de Vilaboa.



