HomeDeputaciónsDeputación OurenseA Deputación e o Ateneo organizan o I Festival de Música Clásica...

A Deputación e o Ateneo organizan o I Festival de Música Clásica “Ourenclásica”, no Teatro Principal

- Anuncio -spot_img

Terá lugar os tres primeiros sábados de marzo e contará coas actuacións do guitarrista Marcos Díaz (día 7); da soprano Catina Bibiloni acompañada ao piano por Manuel Burgüeras (día 14) e pechará o ciclo o día 21 de marzo o concerto de Manuel Álvarez Losada ao violín e Juan Carlos Cornelles ao piano

A Deputación de Ourense e o Ateneo de Ourense organizan o I Festival de Música Clásica “Ourenclásica”, unha nova cita cultural que nace coa vocación de converterse nun referente musical na provincia e que se celebrará os tres primeiros sábados do mes de marzo de 2026, ás 20.00 horas, no Teatro Principal de Ourense.

Na rolda de prensa de presentación deste evento participaron o vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández; o presidente do Ateneo, Pablo González; e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón. Todos eles destacaron a importancia da cooperación á hora de conquerir a organización dun certame musical destas características.

O festival desenvolverase ao longo de tres concertos, cunha programación de alto nivel artístico que reunirá a intérpretes de prestixio e recoñecemento internacional. A iniciativa conta co asesoramento e participación do violinista ourensán José Manuel Álvarez Losada, alma mater deste proxecto cultural.

A programación de Ourenclásica arrincará o sábado 7 de marzo, cun recital a cargo do guitarrista Marcos Díaz. O 14 de marzo, será a quenda da soprano Catina Bibiloni, acompañada ao piano por Manuel Burgüeras. O ciclo pecharase o 21 de marzo cun concerto protagonizado por José Manuel Álvarez Losada (violín) e Juan Carlos Cornelles (piano).

José Manuel Álvarez Losada, natural de Ourense e socio do Ateneo, é un violinista de ampla traxectoria internacional. Desenvolve a súa actividade tanto como solista con orquestras sinfónicas e de cámara como no ámbito pedagóxico, impartindo habitualmente clases maxistrais en diferentes sedes. Actualmente é profesor no Conservatorio de Mallorca.

Pola súa banda, Catina Bibiloni é unha soprano de gran proxección artística, que actuará acompañada por Manuel Burgüeras, recoñecido artista e último pianista acompañante de Montserrat Caballé.

O guitarrista Marcos Díaz, nado en São Paulo pero de raíces ourensás, ás que regresou sendo neno xunto coa súa familia, é unha figura destacada da guitarra clásica a nivel internacional. Premio extraordinario de fin de carreira no Conservatorio de Madrid, ofrece concertos e recitais en todo o mundo e participa regularmente en clases maxistrais con intérpretes de referencia como David Russell, Manuel Barrueco ou os irmáns Assad.

A Deputación de Ourense, a través do seu vicepresidente segundo e deputado de Cultura, subliña que Ourenclásica supón unha nova aposta pola promoción da cultura musical de excelencia, reforzando a programación do Teatro Principal e contribuíndo a situar Ourense como escenario destacado para a música clásica, ao tempo que pon en valor o talento vencellado á provincia.

Publicacións Relacionadas