- A cesión permitiría ao Concello executar actuacións prioritarias como a construción de beirarrúas, a creación de pasos peonís ou a mellora da iluminación pública, medidas fundamentais para garantir un tránsito seguro nunha vía cun elevado nivel de tráfico.
O Pleno do Concello do Porriño aprobou a semana pasada a ratificación da solicitude formal dirixida ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para a cesión da titularidade da estrada N-120 ao seu paso pola parroquia de Santo Estevo de Cans.
Trátase dunha petición xa trasladada a principios do ano 2023 á Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, apoiada en informes técnicos e xurídicos municipais que acreditan que o treito cumpre cos requisitos legais para ser considerado vía urbana, segundo establece a Lei de Estradas. Ante a falta de resposta por parte do Ministerio, o Goberno municipal decidiu reforzar esta demanda mediante a súa ratificación en Pleno, co obxectivo de avanzar nun proceso clave para garantir a capacidade de actuación do Concello sobre un tramo estratéxico para a parroquia.
Desde o inicio do mandato, o actual executivo puxo en marcha os trámites necesarios para conseguir esta transferencia, consciente da urxencia de actuar nunha estrada que atravesa o centro da parroquia e que presenta importantes deficiencias en materia de seguridade viaria.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, subliña que “estamos a falar de actuacións moi necesarias para mellorar os servizos básicos e a calidade de vida da veciñanza de Cans. Non podemos seguir condicionados por trámites que dependen doutras administracións cando o Concello ten proxectos redactados e financiamento previsto”. O rexedor engade que “a cesión da N-120 permitiríanos axilizar as autorizacións e coordinar mellor as obras de saneamento co resto das intervencións previstas na parroquia, optimizando recursos e evitando demoras innecesarias”.
A ausencia de cesión deste treito está a retrasar tamén a execución de importantes proxectos para a parroquia, ao depender das autorizacións do Ministerio. Entre eles atópanse o saneamento de Eidos, cun investimento superior a 120.000 euros; o saneamento da Graña e Sequeiras, con máis de 740.000 euros; a reforma da Casa Cultural de Cans, valorada en 150.000 euros; así como a reforma do lavadoiro do Sabias.
Neste sentido, o concelleiro de Saneamento e Parroquias, Marcos Martínez, destaca que “a cesión permitiría ao Concello executar actuacións prioritarias como a construción de beirarrúas, a creación de pasos peonís ou a mellora da iluminación pública, medidas fundamentais para garantir un tránsito seguro nunha vía cun elevado nivel de tráfico”.
En paralelo, o Concello ten previsto iniciar este ano un ambicioso proxecto de máis de 800.000 euros no treito anterior da N-120, xa cedido ao municipio durante o mandato do exalcalde Xosé Manuel Barros. A actuación abranguerá desde o casco urbano do Porriño ata O Paizal e contempla a renovación do firme, a execución de novas beirarrúas, a modernización da iluminación pública e a creación dun carril bici, configurando unha transformación integral deste eixo viario.
Coa ratificación plenaria da solicitude, o Goberno local reafirma o seu compromiso coa parroquia de Cans e reclama ao Ministerio unha resposta á maior brevidade posible para avanzar nunha solución largamente demandada pola cidadanía.



