Un milleiro de persoas participaron nunha xornada chea de cor, música e espírito colectivo que reafirma o éxito da festa ano tras ano
A ilusión tomou as rúas do Rosal e transformou o municipio nun escenario vibrante de cor, música e creatividade compartida. Preto dun milleiro de persoas participaron este domingo no desfile de Entroido, protagonizando unha xornada festiva que volveu demostrar a forza desta celebración na vida social e cultural do concello.
Comparsas, grupos, participantes individuais e representantes do entroido tradicional ofreceron un espectáculo cheo de imaxinación, humor e meses de traballo previo que se viu recompensado co aplauso constante do público. A veciñanza respondeu unha vez máis, enchendo o percorrido e convertendo o desfile nun auténtico encontro interxeracional no que maiores e cativada gozaron da festa.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que “o Entroido é unha das festas máis especiais do noso calendario porque nace da implicación da veciñanza. O que vivimos este domingo é o resultado do esforzo colectivo e da ilusión compartida”. A rexedora subliñou tamén que “cada ano conseguimos superarnos en participación e organización, e iso é mérito de todas e todos”.
Dende o Concello quérese trasladar o seu agradecemento á Protección Civil do Rosal, de Salceda e de Tomiño pola súa colaboración durante toda a xornada, contribuíndo a que o desfile se desenvolvese con seguridade e normalidade. Un agradecemento que se fai extensivo a todas as persoas que traballaron para que o entroido fora todo un verdadeiro éxito. “E, por suposto, grazas ao público, que cada ano nos arroupa e converte esta celebración nun éxito colectivo. Sen ese apoio, o Entroido non sería o mesmo”, concluíu a alcaldesa.
Coa celebración deste desfile multitudinario, O Rosal reafirma o seu compromiso cun Entroido vivo, participativo e en constante crecemento, que ano tras ano se consolida como unha das citas máis agardadas do municipio.



