O Concello impulsa unha programación de balde para conmemorar o 8M, Día Internacional da Muller, con charlas, roteiros, teatro e encontro arredor da saúde e o feminismo
A igualdade non é unha consigna, é unha revolución diaria que no Rosal se vive nas rúas, nos espazos culturais e na conciencia colectiva. O Concello continúa revolucionando mentes coa programación para conmemorar o 8M, convertendo marzo no mes da muller cunha ampla axenda de actividades gratuítas baixo o lema “O Rosal S8MOS imparables”.
A programación comeza este venres 6 de marzo cunha charla dedicada á artista pioneira e referente feminista Maruja Mallo, da man da creadora Gemma Marqués. A cita será ás 18.00 horas no Centro Social Polivalente e permitirá achegarse á figura dunha muller adiantada ao seu tempo, símbolo de liberdade e vangarda.
O propio 8 de marzo será unha xornada intensa e participativa. Ás 10.30 horas celebrarase o Roteiro 8M en familia, a cargo de Fogaricos e Amodo, un percorrido de 2k e cinco paradas con dificultade baixa con saída dende a Praza do Calvario. As persoas interesadas deberán inscribirse previamente para participar chamando ao 986 625 000.
Ás 12.30 horas terá lugar a concentración institucional na mesma praza, seguida da inauguración da exposición de pintura do alumnado da ESO de Educación Plástica do CPI Manuel Suárez Marquier, unha mostra que visibiliza a mirada nova sobre a igualdade. Pola tarde, o Auditorio Municipal acollerá ás 19.00 horas a representación teatral de ‘Bravas’, con Isabel Risco, unha proposta escénica que mestura humor, crítica social e empoderamento feminino.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que “no Rosal entendemos o 8M como unha oportunidade para reflexionar, para aprender e tamén para celebrar os avances conseguidos sen esquecer todo o que queda por facer. Queremos que a igualdade se constrúa desde a educación, a cultura e a participación da veciñanza”. Como subliñou a rexedora, a campaña ‘O Rosal S8MOS imparables’ simboliza “a forza colectiva das mulleres e o compromiso do noso concello cunha sociedade máis xusta”.
A programación continuará o venres 13 de marzo cunha sesión moi especial dos Venres Rebuldeiros na biblioteca municipal baixo o título ‘Iguais e diferentes’, ás 18.00 horas, unha actividade pensada para traballar a igualdade desde a infancia.
O peche do mes chegará da man de voces expertas no ámbito da saúde. O sábado 21, a Escola da Saúde abordará as hormonas femininas nunha charla impartida por Ismael García ás 12.00 horas no Centro Social Polivalente. E o xoves 26 ás 17.30 horas, os Cafés en Igualdade porán o foco na endometriose, unha enfermidade silenciosa que afecta a moitas mulleres, cun encontro conducido por Diana Ayude na Cafetería San Martiño.
“Queremos falar do que ás veces non se fala, dar visibilidade ás realidades das mulleres e crear espazos seguros para compartir experiencias e coñecemento”, explicou a concelleira de Igualdade, Beatriz Rodríguez, que asegurou que con esta programación diversa e aberta a todos os públicos, O Rosal reafirma o seu compromiso cun marzo que vai máis alá dunha data sinalada e que converte a igualdade nun eixo transversal da vida municipal.



