HomePontevedraO BNG de Vigo esixe reforzar a inspección de pisos turísticos ante...

O BNG de Vigo esixe reforzar a inspección de pisos turísticos ante un novo récord no prezo dos alugueiros

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista reclama ao Goberno municipal que “actúe con toda a contundencia contra este fenómeno ultraespeculativo” que agrava o problema da vivenda na cidade

Superan os 2.000 oficiais mentres aumentan os pisos ilegais e os alugueiros de tempada

Xabier P. Igrexas: “Vigo non pode resignarse a se converter nun parque temático para visitantes mentres expulsa a súa veciñanza”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixe reforzar a inspección de pisos turísticos en Vigo ante un novo récord no prezo dos alugueiros residencias. A fronte nacionalista reclama ao Goberno municipal que “actúe con toda a contundencia contra este fenómeno ultraespeculativo” que está agravando a “emerxencia habitacional” na cidade.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, alertou de que o suposto descenso das vivendas de usos turístico (VUT) é un “espellismo”. Denunciou que seguen a superar as 2.000 en Vigo -unha de cada tres das existentes nas cidades galegas- mentres aumentan o número de pisos turísticos ilegais e a súa falsa conversión en alugueiros de tempada, que representan xa o 23% da oferta, para sortear as limitación urbanísticas.

Ao tempo, advertiu Igrexas, o prezo do alugueiro en Vigo marcou un novo máximo histórico cun prezo medio de 11,6 euros por metro cadrado, o máis elevado en Galiza. “Iso significa que unha vivenda de apenas 70 metros supera xa os 810 euros mensuais”, exemplificou. A proliferación de VUT está tamén a diminuír a oferta residencial, con apenas 70 pisos dispoñíbeis para alugueiro por debaixo dos 700 euros mensuais.

Máis medidas de inspección

Dende o Bloque urxiron por estes motivos a que o Concello exerza todas as súas competencias urbanísticas e de inspección tras o que cualifican de “oportunidade perdida” coa aprobación dunha “laxa e claramente insuficiente” ordenanza municipal. “A pesar da política aparencial de anuncios e promesas, tanto o Goberno de Abel Caballero como a Xunta do PP seguen sen actuar ante a emerxencia habitacional en Vigo”, afirmou Igrexas.

Entre as medidas, a fronte nacionalista demanda cruzar os datos das VUT autorizadas polo Concello cos rexistros autonómico e estatal, rastrexar as plataformas dixitais identificando as vivendas que non amosan número oficial de rexistro e investigar consumos anómalos de auga en pisos sen persoas empadroadas.

Exemplo de Compostela

Chamou a seguir o exemplo da cidade de Santiago de Compostela, onde a actuación do Goberno local liderado polo Bloque conseguiu reducir no último ano nun 16% o número de pisos turísticos na capital galega. “Ferramentas hai, o que falta é vontade política”, subliñou o portavoz municipal do BNG.

Igrexas lembrou que “detrás de cada cifra hai unha historia concreta”, como os casos de parellas mozas que non poden independizarse, de nais soas que destinan máis da metade do seu salario ao alugueiro ou de familias traballadoras que teñen que marchar do seu barrio de toda a vida.

“Vigo non pode resignarse a se converter nun parque temático para visitantes mentres expulsa a súa veciñanza”, reivindicou, asegurando que “a vivenda é un dereito básico e esencial e non unha mercadoría máis coa que facer negocio”. Reiterou nese sentido o compromiso do BNG con seguir defendendo “con propostas e con firmeza” que o primeiro dereito nunha cidade é que a súa xente poida vivir nela.

Publicacións Relacionadas