- A actuación conta cun investimento cercano aos 200.000 euros e un prazo de execución de catro meses.
- A nova rede permitirá recoller e conducir adecuadamente as augas residuais das vivendas do ámbito ata a súa conexión co sistema xeral.
O Concello do Porriño vén de iniciar as obras do proxecto de saneamento nos núcleos rurais de O Seixo e Arrotea, na parroquia de Pontellas, unha actuación estratéxica que permitirá dotar deste servizo básico a máis de 30 vivendas da zona e avanzar na mellora das infraestruturas básicas no rural.
A actuación, xa adxudicada, conta cun investimento de máis de 176.000 euros e incorpora melloras adicionais por un importe superior aos 19.000 euros, IVE incluído. O prazo máximo de execución é de catro meses
O proxecto contempla a instalación de ata catro colectores principais e varios ramais complementarios por gravidade, que suman un total de 1.028 metros de tubaxe de distintos diámetros e 41 pozos de rexistro prefabricados. A nova rede permitirá recoller e conducir adecuadamente as augas residuais das vivendas do ámbito ata a súa conexión co sistema xeral, garantindo unha solución eficiente, segura e adaptada ás características do terreo.
Unha vez instalada a rede, procederase á repavimentación integral dos camiños afectados mediante mestura bituminosa en quente, así como á reposición da sinalización horizontal.
A intervención deixará rematadas as conexións coas redes existentes, garantindo a integración co sistema municipal de saneamento.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, salientou que “cumprimos coa veciñanza de O Seixo e Arrotea iniciando unha obra moi necesaria e demandada desde hai anos. Seguimos a investir no rural, mellorando servizos básicos e garantindo infraestruturas modernas e eficientes”.
As obras desenvolveranse adoptando as medidas necesarias para compatibilizar os traballos coa circulación e coa actividade diaria da veciñanza, establecendo a sinalización e as solucións ao tráfico que sexan precisas en cada fase.
Pola súa banda, o concelleiro de Parroquias e Saneamento, Marcos Martínez, destacou que “esta actuación supón un paso máis na extensión da rede municipal de saneamento ás parroquias. É unha obra tecnicamente completa, que resolve unha carencia histórica e que ademais inclúe a reposición integral dos viarios afectados, ofrecendo unha solución definitiva e de futuro”.
Con esta intervención, o Goberno municipal continúa avanzando na mellora dos servizos básicos nas parroquias, reforzando a cohesión territorial e a igualdade de prestacións en todo o termo municipal.



