O Concello de Ponteareas abre a programación do 8M con Mabel Lozano e reforza o seu compromiso coa loita contra a violencia, a trata de seres humanos e a procura da Igualdade ps 365 días do ano
O Concello de Ponteareas deu comezo á programación conmemorativa do 8M coa participación da cineasta e xornalista Mabel Lozano, quen abriu os actos cun taller dirixido ao alumnado dos centros educativos do municipio e coa proxección de dous dos seus documentais no auditorio municipal.
Durante a xornada proxectáronse os documentais “Ava”, gañador do Premios Goya 2024, e “Abril, hoy no es invierno”, seguidos dun coloquio aberto ao público xeral que propiciou un espazo de reflexión e diálogo.
Ao longo do taller e da conferencia abordáronse cuestións fundamentais como os coidados, a parálise cerebral, a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual, a prostitución e a desigualdade estrutural. Tamén se analizou o impacto do consumo de pornografía na adolescencia, os mecanismos de captación a través das redes sociais e a responsabilidade individual e colectiva fronte á violencia sexual.
Con esta actividade, o Concello presentou a programación deseñada arredor do 8M, un programa de accións transversais que vai moito máis aló do acto institucional de homenaxe previsto para o propio 8 de marzo. O obxectivo é reforzar a sensibilización, prevención e implicación social durante todo o ano.
Neste marco, o Concello expandirá a campaña “Detecta e Actúa” ao sector da hostalaría, difundindo nas pantallas dos establecementos o vídeo da campaña para procurar a implicación activa de toda a cidadanía na detección e prevención da violencia machista.
Ademais, na xornada de hoxe celebrouse a mesa VIOGEN do Concello de Ponteareas coa participación da Garda Civil, a Subdelegación do Goberno, a Policía Local, a concelleira de Igualdade, Raquel Plana, e a alcaldesa, Nava Castro. Tras a reunión ofreceuse unha rolda de prensa para informar da situación actual no municipio.
Na actualidade, rexístranse 92 casos activos no sistema de violencia de xénero en Ponteareas, dos cales 65 están catalogados como de risco baixo e 2 como de risco alto. Ademais, 68 casos contan con orde de protección en vigor. No conxunto da provincia contabilízanse 1.935 casos activos.
O Concello quere salientar a importancia de impulsar accións transversais, coordinadas e sostidas no tempo, que reforcen a prevención, a protección das vítimas e a concienciación social máis alá das datas sinaladas, consolidando un compromiso firme e continuado coa igualdade e coa erradicación da violencia de xénero.



