O espazo municipal de Torneiros incorpora novos cursos de alfabetización tecnolóxica, ofimática, robótica e ferramentas dixitais para mellorar a empregabilidade e a inclusión da veciñanza
O Concello do Porriño reforza a súa aposta pola formación dixital coa renovación da actividade da Aula CeMIT, situada no Multiusos de Torneiros, ampliando o seu horario de atención e incorporando unha oferta formativa máis ampla e adaptada ás necesidades actuais da veciñanza.
A Aula CeMIT, integrada na rede da Xunta de Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, consolídase como un espazo público de referencia para o impulso das competencias dixitais no municipio, facilitando o acceso á tecnoloxía e promovendo a inclusión dixital.
A partir de agora, a aula ofrecerá cursos básicos de alfabetización dixital, formación específica en ferramentas ofimáticas como Word, Excel ou Access, así como accións formativas vinculadas ao emprego e ás novas tendencias tecnolóxicas. Entre elas inclúense propostas orientadas á creación de videoxogos, iniciación á robótica ou coñecementos prácticos sobre o uso de teléfonos móbiles e tablets.
Ademais da formación regrada, a veciñanza poderá facer uso dos equipos informáticos da aula co acompañamento dun técnico especializado, que prestará apoio personalizado para resolver dúbidas, realizar trámites electrónicos ou mellorar as habilidades dixitais.
O horario de funcionamento será de luns a venres de 9:00 a 13:00 horas, ampliándose tamén aos xoves pola tarde de 15:00 a 19:00 horas, co obxectivo de facilitar o acceso ao maior número posible de persoas usuarias.
Entre os contidos que se abordarán destacan cuestións prácticas e de utilidade diaria, especialmente dirixidas ás persoas maiores, como as compras por internet, o uso seguro da banca electrónica, a xestión responsable das redes sociais ou o acceso a servizos dixitais como a e-saúde e a formación en liña.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “nun contexto no que a dixitalización avanza a gran velocidade, é fundamental que desde as administracións públicas facilitemos ferramentas para que ninguén quede atrás. A Aula CeMIT é un recurso clave para mellorar a empregabilidade, fomentar a autonomía persoal e garantir un acceso seguro ás novas tecnoloxías”.
Con esta renovación, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa modernización e coa formación continua, promovendo unha cidadanía máis preparada, autónoma e adaptada aos retos dun mundo cada vez máis dixital.



