HomePontevedraO BNG de Vigo reclama a Caballero medidas para incentivar a matrícula...

O BNG de Vigo reclama a Caballero medidas para incentivar a matrícula nos colexios públicos da cidade

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista propón que o Concello realice campaña animando a matrícula nos colexios públicos, retire o catálogo de centros privados do portal escolar municipal e bonifique nas axudas de comedor e libros de texto ao alumnado dos centros públicos

Sinala que en Vigo hai máis de 1.200 prazas dispoñíbeis nos centros públicos, algúns con matriculación moi baixa e que padecen recortes de liñas e persoal por parte da Xunta por falla de alumnado

Xabier P. Igrexas: “Cunha man o Caballero di defender o ensino público e coa outra faille a campaña de márketing á privada, como vén de facer coa proposta de outorgarlle nada menos que Medalla da Cidade ao colexio das Carmelitas”

Coincidindo co inicio do período de matriculación escolar, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo vén de demandar ao Concello a posta en marcha dunha campaña para animar ás familias a matricular os seus fillos e fillas nos colexios públicos da cidade.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, sinalou que “é contraditorio e incomprensíbel que o Goberno de Abel Caballero diga que aposta polo público mentres practica, igual que o PP, unha falsa equiparación cos centros privados concertados”. Igrexas engadiu que “cunha man o Caballero di defender o ensino público e coa outra faille a campaña de márketing á privada, como vén de facer coa proposta de outorgarlle nada menos que Medalla da Cidade ao colexio das Carmelitas”.

O BNG reclama, en primeiro lugar, a retirada inmediata do catálogo de centros privados do portal escolar municipal, advertindo que unha web pública non pode converterse nunhas “páxinas amarelas de balde” para o negocio de centros privados, moitos deles vinculados a confesións relixiosas.

Ademais, a fronte nacionalista propón que as axudas municipais —de comedor, libros e material escolar— inclúan, a través dun programa específico, unha bonificación para o alumnado da rede pública. “Non se trata de castigar o alumnado e as familias dos centros privados, senón de apoiar con maior decisión os coles públicos e estimular a matrícula neles”, subliña Igrexas.

1.200 prazas dispoñíbeis

Os datos reforzan esta iniciativa: en Vigo hai máis de 1.200 prazas dispoñíbeis nos centros públicos, algúns con matriculación moi baixa e que padecen recortes de liñas e persoal por parte da Xunta, precisamente, coa escusa da falta de alumnado. Para o BNG, “o Concello non pode colaborar, desde unha falsa neutralidade, en manter o réxime de concertos privados que alenta o PP, mentres a rede pública ten capacidade para máis alumnado”.

“Da mesma maneira, e coa mesma contundencia con que rexeitamos o transvasamento de diñeiro á sanidade privada, o BNG vai defender o sistema educativo público con feitos. Porque defender o público non son palabras, é priorizar o que é de todos e de todas”, remacha Igrexas.

Publicacións Relacionadas