HomePontevedraO CondadoUNICEF Comité Español recoñece a Ponteareas como Cidade Amiga da Infancia para...

UNICEF Comité Español recoñece a Ponteareas como Cidade Amiga da Infancia para o período 2026-2029

- Anuncio -spot_img

O Concello de Ponteareas vén de recibir o Recoñecemento como “Cidade Amiga da Infancia” por parte de UNICEF Comité Español para o período 2026-2029. A renovación deste recoñecemento ratifica o seu firme compromiso coa promoción e defensa dos dereitos das nenas, nenos e adolescentes do municipio.

O diploma acreditativo foi entregado por María Montalvo Freire, presidenta de UNICEF Comité Galicia, á alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, nun acto institucional no que se puxo en valor o traballo desenvolvido polo Concello nos últimos anos en materia de infancia eadolescencia.

Este recoñecemento, cunha vixencia de catro anos, supón que os municipios distinguidos se comprometen a acadar resultados demostrables na defensa dos dereitos da infancia, garantir a participación real e inclusiva dos nenos, nenas e adolescentes nas cuestións que lles afectan e asegurar que se sintan escoitados e tidos en conta. Ademais, implica traballar activamente para eliminar calquera forma de discriminación cara á infancia e á xuventude nas políticas e accións locais.

Para optar a este distintivo, as entidades locais deben realizar unha diagnose da situación da infancia no seu territorio, elaborar e dotar orzamentariamente un Plan de Infancia e crear, cando menos, un grupo estable de participación infantil e adolescente, entre outros requisitos.

O concelleiro de Xuventude, Cristian Montes, destacou que “este recoñecemento é o resultado dun traballo constante e transversal que sitúa á infancia e á adolescencia no centro das políticas municipais. En Ponteareas escoitamos á mocidade, contamos con ela e traballamos para ofrecer oportunidades reais de participación e desenvolvemento”.

Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, sinalou que “ser Cidade Amiga da Infancia non é só un distintivo, é unha responsabilidade. Seguiremos investindo en servizos, infraestruturas e programas que garantan igualdade de oportunidades e un futuro mellor para as nosas nenas, nenos e adolescentes”.

“Agradecemos o  compromiso e traballo continuado do Concello de Ponteareas, mostrando a súa preocupación polo benestar dos nenos, nenas e adolescentes da localidade e avanzando para que as súas opinións sexan tidas en conta. Desde UNICEF Comité Galicia animámoslles a seguir traballando nesta liña de participación e dereitos de infancia”. Sinalou María Montalvo, presidenta de UNICEF Comité Galicia.

Iniciativas destacadas

O Concello recibiu os parabéns polas distintas iniciativas postas en marcha nos últimos anos, entre elas o exitoso “Talento Xove”, que prepara xa a súa terceira edición e no que participaron máis de 500 mozas e mozos. Trátase dun concurso que promove e visibiliza o talento local en diferentes disciplinas.

Entre outros aspectos salientados atópase a construción dunha nova escola infantil conectada coa natureza, con capacidade para 100 prazas; a.posta en funcionamento dunha nova ludoteca municipal; o proxecto dunha nova biblioteca de máis de 2.000 metros cadrados, concibida como espazo de encontro, estudo e dinamización cultural, aberta os 365 días do ano; a promoción da participación xuvenil a través do departamento de Xuventude para deseñar programación lúdica e cultural; a organización de obradoiros interxeracionais para a aprendizaxe de oficios tradicionais ou o impulso de actividades de voluntariado xuvenil así como os campamentos de conciliación ofrecidos ás famiias ou servizos de comedores escolares.

No ámbito formativo, Ponteareas conta cunha sede da extensión universitaria da UNED, unha oficina SmartPeme, un espazo de coworking e unha aula de dixitalización que permiten á mocidade formarse, emprender e desenvolver proxectos profesionais sen saír do municipio.

Con este recoñecemento, o Concello reafirma a súa vontade de seguir construíndo unha Ponteareas máis inclusiva, participativa e comprometida cos dereitos da infancia e da adolescencia.

Segundo unha recente avaliación externa de impacto, as Cidades Amigas da Infancia teñen unha maior probabilidade de desenvolver políticas con enfoque específico de infancia en comparación con outros municipios que non participan nesta iniciativa. O compromiso dos axentes sociais, o respaldo político do goberno local e a dispoñibilidade de recursos consolídanse como factores clave para a sustentabilidade do programa.

Publicacións Relacionadas