A XXXIII edición da Feira celebrarase o 3 e 4 de abril e conta cunha ampla programación cultural, gastronómica e deportiva para todos os públicos que comezará o 21 de marzo
A deportista olímpica galega Teresa Portela será a pregoeira da XXXIII Feira do Requeixo e Mel das Neves, unha das citas gastronómicas e culturais máis emblemáticas do concello, que se celebrará o 3 e 4 de abril, pero a súa programación cultural, gastronómica e deportiva botará a andar xa o 21 de marzo.
O pregón terá lugar o venres 3 de abril, ás 13:00 horas, coincidindo coa xornada central da Feira, que reunirá gastronomía, música, tradición e actividades para todos os públicos arredor dos dous produtos máis representativos da identidade local.
Unha referente do deporte galego
Teresa Portela está considerada unha das grandes figuras do deporte galego e español. A padexeira canguesa fixo historia ao converterse na primeira deportista española en competir en sete Xogos Olímpicos consecutivos, logrando ademais a medalla de prata en K1 200 metros nos Xogos de Tokio 2020, un fito que consolidou unha traxectoria marcada pola constancia, o esforzo e a superación. Acumula tamén 6 diplomas olímpicos, 17 medallas nos Campionatos do Mundo de Piragüismo (dúas delas de ouro) e outras 17 no Campionato de Europa (sete foron de ouro).
Ao longo da súa carreira deportiva acadou numerosos títulos internacionais e recoñecementos: foi distinguida dúas veces coa Real Orden do Mérito Deportivo (medalla de bronce en 2004 e medalla de prata en 2013), ademais de recibir a Medalla Castelao da Xunta de Galicia en 2019, converténdose nun exemplo de perseveranza e excelencia dentro e fóra da competición. A súa figura destaca tamén pola capacidade de conciliar a vida deportiva e familiar, sendo nai e referente para novas xeracións de deportistas.
O alcalde de As Neves, José Manuel Alfonso, destacou que a elección de Teresa Portela como pregoeira responde a valores que conectan plenamente co espírito da feira e coa identidade do concello.
O rexidor sinalou que “Teresa Portela representa o esforzo, a constancia e a superación. É unha muller, deportista, nai e galega que leva o nome de Galicia por todo o mundo e que constitúe un exemplo inspirador para a nosa veciñanza, especialmente para a xente nova”.
“Contar con ela como pregoeira é unha honra e unha maneira de recoñecer os valores que queremos promover desde As Neves”, engadiu.
Amplo programa de actividades
A XXXIII Feira do Requeixo e Mel contará cun programa que combina tradición, cultura, deporte e gastronomía durante dúas semanas de actividades previas e festivas.
A programación comezará o sábado 21 de marzo co I Memorial Manuel Guitián de bádminton no pavillón municipal (a partir das 10:00 horas) e continuará o domingo 22 coa andaina ‘Mitos e crenzas do Termes’ (saída ás 10:00 horas dende a praza do Concello). O venres 27 celebrarase un showcooking con degustación no mercado municipal (ás 11:00 horas), mentres que o sábado 28 terá lugar a Andaina do Requeixo (saída ás 10:00 horas do Pousadouro) e unha xornada sobre os retos da artesanía alimentaria galega con cata de produtos no mercado municipal (ás 19:00 horas).
Entre as actividades destacadas tamén figuran a ofrenda floral das Mulleres do Requeixo o domingo 29 de marzo (ás 17:00 horas en Cerdeira), a III Xornada sobre a vespa velutina o luns 30 (ás 19:00 horas no CIPC de Taboexa), a cata de meles de Galicia o martes 31 (ás 19:00 horas na Escola de San Cibrán de Ribarteme), e a degustación ‘Sabores con marxem’ (ás 18:00 horas no mercado municipal).
A fin de semana grande desenvolverase o venres 3 e sábado 4 de abril, coa apertura oficial da Feira, o pregón, pasarrúas, actuacións musicais, animación infantil e concertos. O día 3 incluirá actuacións de Laura Mariño & Band, a charanga Os Tamega e a orquestra Panama Band. O día 4 celebrarase a III Exposición da Camelia (11:30 horas no mercado municipal), o III Certame de Música Tradicional Transfronteiriza (16:30 horas), actividades infantís e as actuacións do grupo 2Tipos, da chranga A Sorcha e da orquestra Charleston Big Band.
Un evento que pon en valor o produto local
A Feira do Requeixo e Mel consolidouse como unha das celebracións máis representativas da comarca, promovendo produtos de calidade e apoiando o tecido produtor local, ao tempo que dinamiza a economía e reforza a identidade cultural do territorio.
O Concello das Neves convida á veciñanza e visitantes a participar nesta nova edición dunha festa que combina tradición, sabor e convivencia, e que cada ano continúa medrando en participación e relevancia.



