Os bateis vogarán nas augas do municipio coa VIII Bandeira de Bateis Concello de Ribeira, tanto masculina coma feminina, que organiza o Club de Remo coa colaboración da Administración local.
A regata terá lugar no 8 de marzo, a partir das 10.30 horas, e contará coa participación dun cento de embarcacións de preto dunha vintena de clubs da zona norte da Liga Galega de Bateis. O campo de regatas situarase entre o faro Lajareu e o porto comercial, debendo completar a distancia correspondente por categoría, que vai dende os 500 metros da alevín ata os 2.000 metros da absoluta.
Para o concelleiro de Deportes, Álex Vidal, manifesta que esta cita co remo reforza o vínculo de Ribeira co mar a través do deporte. O edil aproveitou a ocasión para indicar que “continuamos avanzando na construción do Centro de Deportes Náuticos para que, en vindeiras datas, os nosos deportistas conten cunhas óptimas instalacións para o desenvolvemento da súa actividade. Dende o Concello de Ribeira estaremos sempre ao seu carón.” Vidal quixo tamén remarcar a importancia deste tipo de eventos no dinamismo económico e social do municipio ao achegarse xente doutros lugares que pasan o día na localidade.
Tamén se pronunciou o presidente da entidade, Suso Silva, quen manifestou que intentarán estar no podio das distintas categorías.
Os dous equipos, feminino e masculino, que acaden unha maior puntuación serán os que fagan ondear as bandeiras, ademais de facerlles entrega de medallas.



