HomeA CoruñaO PSdeG alerta de que Santiago está a quedar atrás na construción...

O PSdeG alerta de que Santiago está a quedar atrás na construción de vivenda pola parálise urbanística do Goberno de Sanmartín

- Anuncio -spot_img

Marta Abal advirte de que en 2025 só se construíron 65 vivendas novas, un 69% menos que o ano anterior.

A concelleira socialista sinala as demoras nas licenzas e a falta de solo finalista como causas dun parón que deixa a cidade “paralizada”.
Os socialistas reclaman un plan de choque para axilizar procedementos e critican que o Goberno municipal responda con “parches organizativos”.

A concelleira socialista Marta Abal alertou do “preocupante freazo” que está a sufrir a actividade urbanística en Santiago de Compostela, unha situación que, segundo advertiu, confirman os datos recollidos nos informes dos Colexios Oficiais de Arquitectas e de Arquitectos Técnicos de Galicia.
Segundo explicou, no ano 2025 construíronse “tan só 65 vivendas novas”, o que supón “unha significativa caída dun 69% respecto ao ano anterior”. Ademais, advertiu de que Santiago “visa menos vivendas novas que municipios como Ames, Carballo, Lugo ou Ferrol”, un dato que, ao seu xuízo, evidencia a perda de dinamismo urbanístico da cidade.
A concelleira socialista sinalou que tampouco son mellores os datos relativos ás licenzas de nova construción e rehabilitación. No ano 2025 tramitáronse 161 expedientes, “un 10% menos que no ano 2024”, unha caída que Abal relaciona directamente co funcionamento da administración urbanística municipal.
Neste sentido, apuntou que “as demoras na xestión urbanística para a concesión de licenzas e a falta de desenvolvemento de solo finalista para poder construír vivenda nova son algunhas das causas que están detrás destes malos datos”. Segundo advertiu, “sen axilidade administrativa, nin solo dispoñible, a cidade queda paralizada”.
A concelleira mostrou tamén a súa preocupación pola resposta que está a dar o Goberno municipal ante esta situación. Abal criticou que, fronte a este freazo da actividade urbanística, o executivo local estea optando por unha reorganización interna que “carga con máis funcións o Servizo de Rehabilitación e Vivenda, asumindo parte da tramitación de licenzas”.
Ao seu xuízo, esta decisión resulta especialmente cuestionable “cando hai apenas un mes a Xunta de Goberno Local acordou devolver case 1 millón de euros en axudas á rehabilitación do plan estatal por non seren quen de executalas en prazo”.
Por iso, o Grupo Municipal Socialista reclama un cambio de rumbo na política urbanística municipal e aposta por un plan de choque que permita reactivar a actividade na cidade. Segundo sinalou Abal, “Santiago precisa un verdadeiro plan de choque, simplificación real de procedementos e automatización, aproveitando todas as potencialidades da administración electrónica implantada na pasada lexislatura”.
“Non máis parches organizativos, senón medidas de fondo para reactivar a cidade”, concluíu a concelleira socialista.

Publicacións Relacionadas