Os nacionalistas teñen constancia de que os axentos multaron a varios vehículos estacionados en Vilalonga durante enterros e cabosdano
O Bloque lamenta que estas situacións se produzan nunha zona rural, en actos relixiosos puntuais e que non condicionan ao tráfico, e critica a deixadez do Goberno local á hora de acondicionar as vías deta contorna, que presentan un estado moi deficiente
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo denuncia o afán recadatorio co que está a actuar a Policía Local en Vilalonga, parroquia na que, tal e como constantan os naconalistas, os axentes do corpo de seguridade municipal sancionou, en varias ocasións, a vehículos estacionados nas proximidades da igrexa do Revel, coincidindo coa celebración dun enterro ou dun cabodano. O Bloque advirte de que esta situación está a provocar un importante malestar na veciñanza, máxime cando os estacionamentos non afectan ao tránsito de vehículos.
Desde o grupo da oposición recordan que a igrexa do Revel atópase nunha zona rural e advirten de que “xa van varias veces na que a Policía Local aparece mentres ten lugar un enterro para poñer multas en vehículos estacionados na rúa”. Precisamente, o último episodio tivo lugar hai apenas uns días. “Estamos a falar de intres moi puntuais e de curta duración”, apunta o BNG, que recorda que “non estamos a falar de puntos céntricos ou en núcleos urbanos, nos que o tráfico se podería ter afectado”. Neste sentido, desde o Bloque inciden en que “se a Policía Local fai acto de presenza durante a celebración destes enterros o lóxico é que o faga para dirixir o tráfico ou garantir a seguridade, e non cun claro afán recadatorio”.
O BNG lamenta, ademais, a ausencia da Policía Local noutros lugares de Sanxenxo onde “en moitas ocasións hai embotellamentos e problemas de tráfico, sen que ningún axente faga acto de presenza para regular o tránsito de vehículos”. Outro feito que denuncian os nacionalistas é que “mentres que o Goberno local pon en recadar cartos, non existe ningún interese en facer un mantemento axeitado nas vías do rural”.
Precisamente, unha proba disto é o estado que presenta un dos camiños que leva á igrexa do Revel. O nivel de deterioro do firme é alarmante desde hai xa varios meses, e, a pesares das queixas transmitidas por numerosos veciños e veciñas da zona, “o alcalde segue sen mover un dedo”.



