HomePontevedraO BNG de Vigo propón que o Concello impulse comunidades enerxéticas locais

O BNG de Vigo propón que o Concello impulse comunidades enerxéticas locais

- Anuncio -spot_img

Demanda medidas fronte á pobreza enerxética na cidade, onde 1 de cada 5 fogares ten dificultades para manter a súa vivenda quente no inverno, a través dunha Oficina Municipal de Enerxía

Xabier P. Igrexas: “É hora de que Vigo tome o control do seu futuro enerxético e constrúa barrios máis xustos, sostíbeis e solidarios”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) propón a creación dunha Oficina Municipal de Enerxía co obxectivo de impulsar comunidades enerxéticas locais en Vigo. A fronte nacionalista demanda así medidas do Concello diante da pobreza enerxética que afecta a miles de familias na cidade, onde 1 de cada 5 fogares ten dificultades para manter a súa vivenda quente no inverno.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, defendeu con estas propostas “devolver ás viguesas e vigueses o control deste recurso básico” fronte á dependencia actual de grandes compañías eléctricas, que deciden prezos e condicións sen participación da cidadanía “para seguir alimentando os seus lucros millonarios”.

Igrexas destacou que as comunidades enerxéticas locais permiten que a veciñanza, colectivos e tamén pequenas empresas, xunto co apoio das administracións públicas, se organicen para producir e consumir enerxía renovábel con instalacións compartidas en cubertas de edificios públicos e privados.

“Reduciría custos, garantiría a estabilidade fronte ás subas de prezos e promovería a solidariedade e a sustentabilidade nos barrios”, subliñou o portavoz municipal nacionalista. Unha iniciativa comunitaria que ademais permitiría reinvestir os beneficios no propio barrio, en proxectos de eficiencia enerxética, mellora da mobilidade sostíbel, creación de espazos verdes e de dotacións de uso público.

Para o Bloque esta medida contribuiría tamén á redución das emisións contaminantes, fomentando unha cidade máis saudábel, ecolóxica e sustentábel a longo prazo, onde a veciñanza participe activamente na toma de decisións sobre os recursos que lles afectan. “O noso obxectivo é claro: que a enerxía sexa unha ferramenta de cohesión social e xustiza, non un privilexio para o beneficio millonario dunhas poucas empresas”, afirmou.

Oficina Municipal de Enerxía

De cara a poñer en marchas estas comunidades enerxéticas, desde a fronte nacionalista propuxeron a creación dunha Oficina Municipal de Enerxía. Un organismo que, avanzou Igrexas, sería o encargado de elaborar un mapa enerxético detallado da cidade, ofrecer asesoramento técnico á veciñanza e poñer en marcha medidas de apoio, como axudas municipais a proxectos de autoconsumo ou programas de eficiencia enerxética.

Esta Oficina serviría como espazo de coordinación para que “cada barrio teña voz e cada fogar poida acceder a estes recursos de forma equitativa”, manifestou o voceiro do BNG. “É hora de que Vigo tome o control do seu futuro enerxético e constrúa barrios máis xustos, sostíbeis e solidarios, onde a veciñanza sexa protagonista das decisións que afectan á súa vida diaria”, remachou.

Publicacións Relacionadas