Esta mañá fíxose o acto de reinauguración da praza de Abastos da Guarda, presentándose os cambios que se foron facendo no último ano.
O alcalde da Guarda, Roberto Carrero, destacou que “esta intervención quere pór en valor a praza de Abastos, un comercio de proximidade, tanto do produto, dunha calidade inmellorable, como do trato”.
Esta mellora supuxo o acondicionamento de chans, paredes laterais e escaleiras, co revestimento de novas baldosas. Este material permite unha limpeza máis sinxela e aporta unha maior luminosidade á praza de Abastos.
De feito, na visita que realizou o alcalde, acompañado do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, moitos dos praceiros e praceiras valoraron positivamente a reforma, destacando que “agora é moito máis fácil limpar, e queda moito mellor, porque cos regos debaixo dos postos evitamos encher todo o chan de auga”.
Outra das praceiras tamén destacou que “os bancos foron un acerto, porque a xente agarda aí, ponse a falar, e dálle vida á praza de Abastos”. Estes novos bancos serven para o descanso dos usuarios e usuarias, así como zona de reunión e encontro da veciñanza. Ademais, instaláronse uns arcos de madeira e novos puntos de luz aportan unha estética que mestura o moderno co tradicional.
Para esta intervención contouse cun orzamento de 155.000€, cunha subvención da Deputación de Pontevedra.



