Un total de 30 persoas participarán este luns no obradoiro de “Ceas rápidas e saudables para o día a día” que organiza o Concello de Neda no marco das súas actividades de saúde. A iniciativa esgotou prazas en apenas un par de días, activándose unha lista de agarda para cubrir posibles baixas de última hora.
A actividade, impartida pola nutricionista Almudena Seijido, terá lugar a partir das 17:30 horas, na Casa da Cultura. E en apenas 90 minutos, ofrecerá ás persoas participantes ferramentas prácticas para mellorar os seus hábitos saudables, reducir o consumo de comida ultraprocesada, e axudar a ter unha alimentación sa, aínda dispoñendo de pouco tempo.
Tras explicar que se debe entender por “cea saudable”, avaliando que debe ter ou como se poden cubrir as necesidades nutricionais sen cociñar de máis, pasarase á práctica.
Nela, a dietista e nutricionista ferrolá, que estivo semanas atrás na vila nunha charla sobre alimentación saudable, ensinarase a montar ceas rápidas con alimentos habituais, como empregar as sobras e conxelados para facer pratos apetecibles, posibles combinacións sinxelas, poñendo exemplos reais con produtos dispoñibles en todos os supermercados. Finalmente, aportará estratexias para unha organización semanal exprés.



