A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín Rei, acompañada do concelleiro de Obras, Xesús Domínguez, supervisou esta semana varios puntos do concello onde se están a desenvolver traballos de reparación de pavimentos. Unha das actuacións de maior investimento que se excutaron nas últimas horas desenvolveuse na N-634, cun importe de 120.000 euros para mellorar o pavimento desta estrada que conecta coa zona de San Marcos.
Outro dous puntos onde se levaron a cabo traballos nas últimas horas e ao que acudiu a alcaldesa é a Costa do Vedor. Concretamente, executouse a mellora do cruzamento coa rúa de Quiroga Palacios, facéndoo máis seguro para as persoas, instalando sinalética e rebaixando os pavimentos para minimizar barreiras arquitectónicas. Esta actuación, que forma parte dun proxecto máis amplo, con intervencións en máis de 16 puntos, completouse nas últimas horas coa rexeneración dos pavimentos de asfalto que están tendo lugar esta semana.
Durante a visita, Goretti Sanmartín aproveitou tamén para escoitar a varios veciños e veciñas da rúa. Nesta calzada, que ten unha forte pendente, tamén se instalou un punto de recollida de lixo e están programadas outras actuacións menores para mellorar a accesibilidade como a instalación de pasamáns.
Ademais, as brigadas de asfaltado traballaron nas últimas semanas en varios puntos do concello. Nesta mesma xornada de xoves, actuaron na rúa de Polonia e rúa de Malta, no polígono do Tambre, e na estrada N-634, que comunica coa zona de San Marcos.
Outras actuacións
Tamén se actuou nas Fontiñas (rúas Lisboa, Berlín, Londres, París, Roma, Bruxelas e Moscova), na rúa San Lázaro e Camiño Francés, na República de Arxentina e Gómez Ulla (no Ensanche) e outras localizacións como a Ponte Vella de Vidán ou Burgo das Nacións.
Ademais, realízanse traballos en todo tipo de pavimentos, por iso tamén se están reparando empedrados no ámbito da rúa de San Pedro.



