Chama a aproveitar a oportunidade coa fin da concesión do transporte urbano e a implantación das ZBE fronte ao “modelo privatizado e de sancións de Caballero”
Inicia unha rolda de encontros abertos coa veciñanza nos barrios e parroquias: a primeira este luns, 9 de marzo, na AV do Calvario ás 20:00h
Xabier P. Igrexas: “Non podemos conformarnos cun servizo de bus deficiente nin aceptar que se castigue con multas a quen non se pode permitir un vehículo híbrido ou eléctrico”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) propón 10 alternativas para revolucionar a mobilidade en Vigo. A fronte nacionalista vén de iniciar unha nova rolda de encontros abertos nos barrios e parroquias da cidade coa súa campaña ‘Máis buses, menos multas’, na que chama a aproveitar a oportunidade que se abre este ano coa fin concesión do transporte urbano e coa implantación das Zonas de Baixas Emisións.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, defendeu que “hai alternativa ao modelo privatizado de bus e ás sancións de Abel Caballero” que, advertiu, vai hipotecar a cidade cun transporte urbano “deficiente e insuficiente” e impoñer un sistema “inxusto e restritivo” de ZBE. Fíxoo durante a presentación da campaña nacionalista no Calvario, onde terá lugar o primeiro acto (luns 9 de marzo, na AV do Calvario ás 20.00h).
Igrexas chamou así á veciñanza a “non resignarse a seguir vivindo nunha cidade de tráfico insoportábel, ruidosa, insegura e contaminante”. Asegurou que hoxe rexístranse cada día 300.000 desprazamentos en vehículo privado en Vigo -a cidade da Península Ibérica co maior parque móbil- por falta de alternativas reais para a mobilidade.
Máis frecuencias e liña CERO
Para o Bloque é fundamental un aumento substancial das frecuencias e unha mellora dos horarios de bus. “Non só recuperando as máis de 250 frecuencias recortadas dende a pandemia, tamén despregando medidas novidosas”, avanzou o portavoz municipal nacionalista. Entre elas, destacou a posta en marcha dunha grande liña CERO, que conecte dende Navia até Teis, como eixo central do servizo de transporte.
Novo mapa de liñas
Outro dos elementos chave da proposta do BNG pasa por deseñar un novo mapa de liñas que permita conectar “de verdade” o conxunto dos barrios e parroquias, acurtando os tempos de traxectos e garantindo que os buses circulen cada 20 minutos de media nos días laborábeis. Ademais, demanda un reforzo das conexións cos hospitais, co CUVI, cos centros de FP e co resto de terminais de transporte: o aeroporto, as estacións de tren, marítima e de buses interurbanos.
Redución do prezo e máis servizo nocturno
As alternativas nacionalistas buscan tamén facilitar o uso do bus coa redución do prezo do billete, o máis elevado en Galiza e un dos máis caros de todo o Estado, coa ampliación das tarifas bonificadas e permitindo dous transbordos gratuítos por hora. E en atención dunha das demadas da mocidade viguesa, propón aumentar os servizos nocturnos.
Remunicipalización do servizo de bus
Dende o BNG advertiron que estas melloras serán imposíbeis de levarse adiante o novo modelo privatizado de bus licitado polo Goberno de Caballero, após a fin da concesión de Vitrasa. “É claro que o alcalde non ten vontade de mellorar o servizo”, denunciou. Por este motivo, dende o Bloque reclaman a suspensión do concurso aberto e defenden estudar a remunicipalización do transporte urbano.
Igrexas alertou de que os pregos da nova licitación van ser “máis do mesmo” pero incrementando nun 90% o custo económico para o Concello. Criticou a ese respecto que o Goberno municipal decida continuar co mesmo número de autobuses que a actual flota, co mesmo cadro de persoal sen incrementos e cun máximo de quilometraxe que está por debaixo do que se rexistraba antes da pandemia.
Zonas de Baixas Emisións, sen multas nin restricións
Neste novo modelo de mobilidade, dende o BNG defenden tamén unha alternativa integral para as ZBE sen as restricións e as multas da ordenanza elaborada polo Goberno de Caballero, que consideran unha “moi mala copia de Madrid Central”. Un sistema de perímetros e sancións que rexeitan por “inxusto e restritivo”.
O Bloque aposta no seu lugar por reducir con carácter xeral o uso do coche dando alternativas que pasan pola mellora do transporte público, a promoción do tránsito en bicicleta e vehículos de mobilidade persoal, creando aparcamentos disuasorios e con máis espazos para os traxectos a pé. “O debate non é substituír coches de combustión por híbridos ou eléctricos, nin multar a quen non se pode permitilo, senón reducir o número de vehículos con alternativas reais de mobilidade”, remachou Igrexas.



