HomePontevedraO CondadoO Concello de Ponteareas homenaxea a oito mulleres e ao colectivo Mulleres...

O Concello de Ponteareas homenaxea a oito mulleres e ao colectivo Mulleres da Carreira de Guláns no acto institucional do 8M

- Anuncio -spot_img

O Concello de Ponteareas celebrará este domingo, 8 de marzo, ás 12:00 horas na sala multiúsos do Auditorio Municipal, o acto institucional do Día Internacional da Muller, unha cita que servirá para render homenaxe a oito mulleres destacadas pola súa traxectoria e contribución cultural, económica e social ao municipio, así como a un colectivo que representa unha parte esencial da historia e identidade local.

Nesta edición o Concello salientará a importancia das “Mulleres da Carreira de Guláns que cultivan o afamado pemento de Guláns e convértense na horta do noso pobo. Elas fan que non se perda o cultivo da semente dun produto exquisito e saudable como o pemento de Guláns.  

En Ponteareas, media ducia de mulleres seguen portando con orgullo o nome de Mulleres da Carreira. Co seu traballo diario fan que a esencia do campo galego chegue ata os nosos días. Son gardiás dun saber antigo, dunha forma de vivir e de relacionarse coa terra que conecta o presente co pasado. Grazas a elas, o vínculo coas nosas antergas continúa vivo, lembrándonos que detrás de cada produto da horta hai historia, esforzo e memoria colectiva

Un acto ideado por mulleres

A concelleira de Igualdade, Raquel Plana, explica que este acto nace dun proceso participativo desenvolvido nos últimos meses. A concellería traballou cun nutrido grupo de veciñas e cos profesionais do CIM (Centro de Información á Muller) para detectar necesidades, preocupacións e tamén para deseñar a programación do 8M.

“Puxemos en común varias propostas e todas coincidiron en querer organizar un acto de homenaxe ás mulleres, así que este ano comezamos por oito delas e un colectivo”, sinala a edil, que adianta que o obxectivo é seguir ampliando este recoñecemento en futuras edicións.

Compromiso coa igualdade

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destaca a importancia de continuar traballando de maneira conxunta para avanzar na igualdade real entre mulleres e homes.

“O 8M é unha oportunidade para recoñecer o camiño percorrido por tantas mulleres que contribuíron ao desenvolvemento da nosa vila, pero tamén para lembrar que debemos seguir traballando unidas, administracións e cidadanía, para construír unha sociedade máis xusta e igualitaria”, sinala a rexedora.

Neste compromiso coa igualdade, o Concello vén de contratar a redacción do Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes e do Plan de Igualdade Municipal. O obxectivo é contar cun documento que sirva como plan de acción integral para o fomento da igualdade entre mulleres e homes no municipio.

Ademais, o Plan de Igualdade Municipal permitirá identificar posibles desigualdades e establecer medidas correctoras no ámbito laboral da propia corporación municipal, reforzando así o compromiso institucional coa igualdade efectiva.

Publicacións Relacionadas