As nacionalistas piden autocrítica a un PSOE que leva todo o mandato “alternando entre a ausencia e o apoio ás peores políticas de Couce”
Iago Varela: “o BNG non bloquea nada, pero só apoiará proxectos serios que dean garantías a veciñanza”
O BNG de Cabanas respondeu ás declaracións realizadas polo PSOE nas que responsabiliza ás nacionalistas de impedir un cambio de goberno no Concello de Cabanas, lembrando que “para construír unha alternativa de goberno non abonda con desexalo moi forte”, senón que require traballo, rigor e un proxecto político claro.
O portavoz municipal do BNG, Iago Varela, sinalou que “o primeiro que cómpre é un exercicio de honestidade política”, lembrando que “o PSOE leva todo o mandato sostendo a Fernando Couce á fronte do Concello”. “Durante estes anos houbo múltiples oportunidades para abrir un proceso serio que permitise construír unha alternativa, pero o que atopamos no PSOE foi indefinición, un grupo municipal desestruturado, negativas e continuos atrasos que fixeron imposible avanzar”, explicou.
Varela lembrou que desde finais de 2023 existiron conversas entre as tres forzas da oposición para explorar unha posible alternativa de goberno, pero que ese proceso non chegou a concretarse pola falta de estabilidade e de claridade política do PSOE. “Cabanas non pode permitirse improvisacións nin operacións precipitadas pensadas unicamente para cambiar nomes. O que necesita é un proxecto sólido para gobernar”, afirmou.
Desde o BNG subliñan que a súa posición non responde a ningún bloqueo político, senón á responsabilidade que implica construír unha alternativa viable. “O que facemos é ser rigorosos, e só apoiaremos proxectos serios, con equipo, con programa e con capacidade real de gobernar”, indicou o portavoz nacionalista.
Neste sentido, Varela insistiu en que o BNG leva toda a lexislatura exercendo unha oposición firme ao goberno do PP, denunciando a súa parálise e a falta de proxecto para o concello. “Nós temos unha folla de ruta clara para Cabanas e seguimos traballando para construír unha alternativa á altura do que merece a veciñanza” concluíu.



