HomeXunta de GaliciaDous alumnos do Instituto Plurilingúe Elviña (A Coruña) representarán a Galicia no...

Dous alumnos do Instituto Plurilingúe Elviña (A Coruña) representarán a Galicia no Certame Escolar de Oratoria en Inglés da ONU en Nova York

- Anuncio -spot_img

— Proclamáronse gañadores da primeira edición do debate escolar en inglés ‘Global Classroom’, impulsado por esta organización co apoio da Xunta

— Resultaron finalistas catro parellas de estudantes dos institutos Rosalía de Castro (Santiago) e A Paralaia (Moaña)

— A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa participou na entrega de diplomas e felicitou aos 80 estudantes implicados polo seu traballo

— Destaca a aposta da Xunta por que o alumnado mellore as súas competencias comunicativas en linguas estranxeiras a través deste tipo de iniciativas

Os alumnos Omar Badriev Gazizov e Lois Queijeiro Varela, do Instituto Plurilingüe de Elviña (A Coruña), representarán a Galicia no debate escolar de oratoria en inglés Global Classroom impulsado por Nacións Unidas cuxa final se celebrará en Nova York no mes de abril. Ambos veñen de proclamarse gañadores deste certame, centrado este ano no cambio climático desde a perspectiva da posición oficial dos diferentes países da ONU.
Outras catro parellas resultaron finalistas, en concreto as conformadas por Sabela González Martínez e María Serrano Pérez, do Instituto Plurilingüe A Paralaia (Moaña); así como outras tres, todas elas do IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela): Andrea Otero Dopazo e Sara Da Costa Cabanas, Marta Corral Martínez e Berta Barreiro Tasende, e Noa Altable Ledo e Martín Neira Boga.
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participou esta semana na entrega de diplomas aos alumnos participantes e gañadores da final primeira edición do debate escolar Global Classroom. Trátase dunha iniciativa en inglés na que alumnado de 3º de ESO simula as sesións da ONU, actuando como delegados, debatendo, presentando as súas propostas e negociando as resolucións en inglés.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP felicitou aos estudantes participantes polo seu traballo ao abeiro deste programa e polo excelente resultado. Destacou, así mesmo, a aposta da Xunta por que o alumnado mellore as súas competencias comunicativas en linguas estranxeiras a través deste tipo de iniciativas. “Galicia é, por segundo ano consecutivo, a comunidade co maior nivel de inglés segundo o informe de Education First (EF), o que amosa que as accións de impulso do plurilingüismo que impulsamos desde o Goberno Galego están a dar o seu froito”, sinalou a directora xeral.
“Ao mesmo tempo, desde a Xunta estamos a dar pulo ás accións para o reforzo da competencia lectora, a través do novo Plan de lectura, escritura e acceso á información, dentro do Plan MEGA de mellora educativa de Galicia”. Neste marco, este ano desenvólvese por primeira vez tanto o programa Global Classroom como a nova Liga escolar de debate, na que participan 60 alumnos de 15 institutos públicos.
Investigación e comunicación
A final do certame desenvolveuse na Escola Galega de Administración Pública e nela participaron 80 alumnos de oito institutos, en concreto dos IES Plurilingüe de Ames (Ames), Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña), Plurilingüe Elviña (A Coruña), Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), Eduardo Blanco Amor (Ourense), Plurilingüe A Paralaia (Moaña), Plurilingüe Pintor Colmeiro (Silleda) e República Oriental do Uruguai (Vigo).

Durante as sesións preparatorias do debate final, o alumnado investiga aspectos xeográficos, económicos, sociais e políticos dos países que se lles asignan, traballa o tema seleccionado (neste caso o cambio climático) e aprende o protocolo dos comités da ONU. Os estudantes debaten sobre o tema coa axuda do seu profesorado e do auxiliar de conversa do centro e elaboran un informe coa posición do seu país. O obxectivo é chegar a acordos sobre a base da cooperación.
Deste xeito, promóvese, a través da competencia lingüística en inglés, a capacidade investigadora e participativa do alumnado de Secundaria en redacción de informes e resolucións, extracción de información de distintas fontes e participación en debates e negociacións. Ao mesmo tempo, os estudantes descobren o funcionamento das Nacións Unidas e familiarízanse cos problemas globais.

Publicacións Relacionadas