Alta participación do público na programación deseñada polo Concello do Rosal para poñer en valor o papel das mulleres na historia e na sociedade
A igualdade tomou as rúas, os espazos culturais e as conversas no Rosal. O Concello pechou a primeira parte da intensa programación do 8M, Día Internacional da Muller, cun balance moi positivo marcado pola grande acollida da veciñanza e pola participación en actividades que combinaron memoria, cultura, reflexión e reivindicación baixo o espírito de seguir revolucionando mentes pola igualdade.
A programación arrancou cunha charla da creadora Gemma Marqués dedicada á artista pioneira e referente feminista Maruja Mallo, unha muller adiantada ao seu tempo, símbolo de liberdade e vangarda cuxa traxectoria segue sendo un referente na loita pola visibilidade e o recoñecemento das mulleres na cultura e na sociedade.
Outro dos momentos máis destacados foi a segunda edición do Roteiro 8M, que espertou grande expectación entre as familias. A proposta, impulsada por Fogaric@s e Amodo Turismo, percorreu distintos puntos do municipio para reivindicar o papel de mulleres fundamentais na historia do Rosal. O itinerario fixo parada no monumento aos cabaqueiros; no mural do pavillón Javi Díaz que visibiliza a traxectoria vital de Xulia Suárez, Rufina Domínguez e Adela Álvarez, tres mulleres nas que o municipio simboliza a homenaxe a todas as mulleres da súa historia; no priorato para falar das mulleres invisibilizadas; nas muiñeiras e nun último punto dedicado a descubrir o papel das mulleres na música.
A programación tamén deu espazo á ollada das novas xeracións coa mostra de pintura do alumnado de ESO de Educación Plástica do CPI Manuel Suárez Marquier, unha exposición que puxo de relevo como a mocidade reflexiona sobre a igualdade a través da arte.
O broche cultural chegou da man da representación teatral de ‘Bravas’, con Isabel Risco, unha proposta escénica que mestura humor, crítica social e empoderamento feminino e que conseguiu conectar co público nun espectáculo cargado de mensaxe e complicidade.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou o éxito das actividades e o compromiso da veciñanza coa igualdade. “É moi emocionante ver como a xente do Rosal responde a estas iniciativas e participa activamente. O 8M é un momento para reivindicar dereitos, pero tamén para facer memoria e seguir revolucionando mentes cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria, porque sen igualdade non hai futuro”, recalcou.
A programación continúa
A programación municipal continuará nos próximos días con novas actividades abertas á veciñanza. O venres 13 de marzo celebrarase unha sesión especial dos Venres Rebuldeiros na biblioteca municipal baixo o título ‘Iguais e diferentes’, ás 18.00 horas, unha proposta pensada para traballar a igualdade desde a infancia.
O peche do mes chegará tamén con propostas centradas na saúde das mulleres. O sábado 21, a Escola da Saúde abordará as hormonas femininas nunha charla impartida por Ismael García ás 12.00 horas no Centro Social Polivalente. Ademais, o xoves 26 ás 17.30 horas, os Cafés en Igualdade porán o foco na endometriose, unha enfermidade silenciosa que afecta a moitas mulleres, nun encontro conducido por Diana Ayude na Cafetería San Martiño.



