HomePontevedraInstituto e concello presentan a revista "Redondela Investigada"

Instituto e concello presentan a revista “Redondela Investigada”

- Anuncio -spot_img

A publicación inclúe seis artigos realizados por alumnado dos institutos de Redondela con temas como a historia da SAR, o Taekondo redondelán e o Club de Remo de Cesantes. Un cuarto texto afonda na tradición das Penlas, outros recollen a historia da librería da Imprenta e unha ollada interxeracional da vida das avoas dos autores.

A cita é este venres na Casa da Cultura ás 20:30 horas. O proxecto naceu co obxectivo de fomentar “a curiosidade investigadora entre a mocidade, o espírito investigador e crítico”. Na presentación da revista agasallarase cun exemplar a cada asistente.

Sinerxías Secundarias, colectivo formado polas seccións de Xeografía e Historia dos institutos públicos de Redondela, en colaboración co Concello, presenta o número cero da revista “Redondela Investigada”. A cita é o venres, 13 de marzo, na Casa da Cultura ás 20:30 horas, e participarán tanto o alumnado como o profesorado coordinador e a alcaldesa, Digna Rivas. Esta publicación recolle os traballos premiados e destacados da primeira edición do certame de investigación de Ciencias Sociais para alumnado de secundaria. O proxecto, que reúne aos centros IES Chapela, Illa de San Simón, Mendiño e Pedro Floriani, nace co obxectivo de “fomentar a curiosidade investigadora entre a mocidade, o espírito investigador e crítico”. Tal como explica o editorial deste primeiro volume “é unha revista en papel que reforza a idea do libro como elemento físico, máis tamén, simbólico”. A coidada edición permite facer xustiza “á calidade dos traballos publicados e á importancia da investigación sobre o noso”.
A revista inclúe seis artigos cun percorrido por diversos temas de interese local. A investigación gañadora repasa a historia da SAR (Sociedade Atlética de Redondela) e tamén artigos sobre o Taekondo redondelán e o Club de Remo de Cesantes. Un cuarto texto recolle a tradición das Penlas e outro a historia da librería da Imprenta e un último artigo que ofrece unha ollada interxeracional da vida das avoas dos autores. Na presentación deste venres haberá exemplares da revista para todos os asistentes.
A alcaldesa, Digna Rivas, salienta a importancia de que a mocidade se interese polo noso pasado “mergullándose no Arquivo Municipal, nas lembranzas das súas familias e na historia viva das nosas parroquias”. Con estes premios e a publicación da revista “non só recoñecemos o esforzo académico, senón que estamos a fomentar o arraigo e o respecto polas nosas raíces entre a nosa rapazada”.
O Concello de Redondela e os institutos asinaron un acordo de colaboración para este certame. No texto, a alcaldesa, Digna Rivas, e as direccións dos centros acordan que o Concello impulsa a celebración do Certame “Redondela Investigada” para “promover o estudo e coñecemento sobre o conxunto do municipio e fomentar o espírito investigador e científico da xuventude de Redondela”. O Concello financia os premios do certame e tamén a publicación da revista “Redondela investigada” cos traballos seleccionados.

Publicacións Relacionadas