A fronte nacionalista reclama “políticas valentes, accións concretas e un compromiso firme” para recuperar o pulso produtivo e para combater o desemprego e a precariedade
Xabier P. Igrexas: “O obxectivo do Bloque é claro: garantir o dereito irrenunciábel a vivirmos dignamente do noso traballo na nosa terra”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixe un “cambio radical” da Xunta de Galiza e do Concello de Vigo ante a emerxencia laboral e a crise industrial. Con motivo do Día da Clase Obreira Galega, a fronte nacionalista reclama “políticas valentes, accións concretas e un compromiso firme” para recuperar o pulso produtivo na cidade e para combater o desemprego, a precariedade, a pobreza laboral e a emigración.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, alertou de que millares de viguesas e vigueses “loitan cada día” para subsistir no actual contexto de precariedade laboral. “Aumentan os contratos temporais, proliferan os empregos a tempo parcial e os salarios non chegan para cubrir as necesidades básicas; unha realidade que golpea directamente ás clases populares e traballadoras que representan a maioría social”, denunciou.
Segundo os datos oficiais, máis de 20.000 veciñas e veciños da cidade teñen ingresos inferiores aos 625 euros mensuais, e 1 de cada 5 están está en situación de risco de pobreza ou exclusión social. “Non son só números: son persoas que loitan por sobrevivir, fogares nos que cada día 10 xa é final de mes”, defendeu Igrexas.
Crise industrial
Dende o Bloque consideraron “especialmente preocupante” a situación de crise industrial en Vigo, onde se destruíron 3.541 empregos dende o ano 2009, segundo datos de afiliacións á Seguridade Social. E só na última década desapareceron case o 18% das empresas do sector, pasando de 1.334 a 1.101.
O portavoz municipal nacionalista responsabilizou de forma directa desta realidade á Xunta do PP polas súas “nefastas” políticas económicas, laborais e produtivas que, afirmou, comprometen o futuro dunha industria vital para Vigo, a súa comarca e Galiza. “Non podemos tolerar que o Goberno de Rueda continúe de brazos cruzados mentres a desertización produtiva da maior cidade do noso País avanza sen freo”, demandou.
Cambio radical de políticas
Igrexas reclamou que todas as administracións públicas sumen esforzos para reverter este contexto de emerxencia laboral en Vigo. Con propostas como un Plan de reactivación industrial e produtivo na comarca, a creación do “mil veces prometido” Centro de Reparacións Navais e a posta en marcha dun Centro Metropolitano de Impulso Tecnolóxico.
Un “cambio radical” que a fronte nacionalista esixe tamén no Concello de Vigo, afeando “a política frívola” de Abel Caballero por destinar o triple de gasto a luces e adornos de Nadal que á promoción do emprego e da actividade económica. Nese sentido, consideran urxente reforzar os plans de emprego, en lugar de recortalos como fixo o Goberno local co programa Vigo Emprego, que pasou de 220 postos a 75 na última década.
Pulmón produtivo de Galiza
“Non podemos aceptar que o futuro da nosa cidade se limite a ser un parque temático para o turismo de excursión”, defendeu Igrexas, chamando a que a cidade recupere “o seu papel como pulmón industrial e produtivo galego” e avance no camiño para se converter na capital galega da innovación, da tecnoloxía e das comunicacións.
O portavoz municipal do BNG esixiu por estes motivos “políticas valentes, accións concretas e un compromiso firme para garantir o dereito irrenunciábel a vivirmos dignamente do noso traballo na nosa terra”. Con medidas que combatan o desemprego, a precariedade, a pobreza laboral e a emigración que segue expulsando fóra de Vigo e de Galiza a millares de mozas e mozos por falla de oportunidades.



