O Concello aprobou en pleno o V Plan de Igualdade, un documento que marcará as accións municipais dos próximos anos para avanzar cara a un municipio máis xusto, inclusivo e libre de violencia
Tomiño constrúe igualdade con políticas claras e participación cidadá. O Concello aprobou en pleno o V Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes (2025–2029), un marco integral que guiará as actuacións municipais nos próximos cinco anos para avanzar cara a un municipio máis xusto, inclusivo e libre de violencia machista.
Tras a súa presentación ao tecido social, á veciñanza e aos distintos axentes implicados, o plan foi ratificado como unha folla de ruta que recolle estratexias destinadas a facer efectiva a igualdade nos ámbitos político, económico e sociocultural. O seu obxectivo principal é eliminar as desigualdades estruturais e reforzar a prevención e loita contra a violencia de xénero no contexto máis próximo da cidadanía.
O plan foi deseñado como un instrumento realista, flexible e dinámico, capaz de adaptarse ás novas necesidades que poidan xurdir ao longo do período de vixencia. Ademais, tivo un carácter participativo, contando coa colaboración de axentes sociais do municipio, garantindo así respostas axustadas á realidade de Tomiño.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “este quinto Plan supón un paso fundamental no noso compromiso coa igualdade real. Trátase dun documento participado e pensado para dar resposta ás necesidades da veciñanza, garantindo que as políticas municipais sexan efectivas, inclusivas e centradas na prevención da violencia de xénero”.
O plan chega tras un balance moi positivo do período anterior, no que se executou unha alta porcentaxe das medidas previstas e con moitos logros entre os que destacan a consolidación do servizo municipal de igualdade, a atención psicolóxica individualizada para vítimas de violencia de xénero, o éxito sostido dos campamentos urbanos e musicais para facilitar a conciliación, e a promoción do empoderamento feminino mediante obradoiros de benestar, autoestima, saúde e capacitación dixital.
O V Plan Municipal de Igualdade 2025–2029, subvencionado pola Deputación de Pontevedra, xa está dispoñible para a súa consulta na páxina web do Concello de Tomiño, permitindo que a veciñanza coñeza en detalle as accións que marcarán o rumbo das políticas de igualdade nos próximos anos.



