O goberno de Ponteareas aprobou en pleno a licitación do proxecto do Ciclo Integral da Auga, unha actuación estratéxica cun investimento de 35,5 millóns de euros co que o Concello dará resposta a unha das demandas históricas do municipio: o saneamento nas parroquias.
Este contrato de xestión da auga permitirá a modernización e o mantemento de todo o sistema hidráulico do Concello e que todos os veciños, vivan onde vivan dispoñan de rede de saneamento. Pasarase dun sistema de mantemento reactivo a un sistema de mantemento preventivo. A licitación que sae por 107 millóns de euros por 25 anos inclúe os 32,5 millóns de investimentos, os 350.000€ anuais que debe devolver o Concello ao Estado pola construción da nova depuradora da Moscadeira, o mantemento desta e do resto e todos os gastos materiais e humanos derivados da execución do contrato.
O ciclo da auga é un plan integral de gran alcance que contempla actuacións en todas as parroquias e que combinará diferentes solucións técnicas adaptadas ás características de cada contorna, tal e como explicou no pleno a concelleira de Infraestruturas, Raquel Bautista.
A concelleira destacou que “hoxe é un día histórico para o noso rural. Apostamos por un modelo sostible, moderno e respectuoso co medio, que garante o acceso a un servizo esencial e que mellora a calidade de vida da veciñanza”.
Bautista explicou ademais que as bases da licitación incorporan criterios que permitirán axilizar ao máximo posible a execución do proxecto, de maneira que se puntuarán positivamente aquelas propostas que contemplen un maior número de actuacións executadas no ano 2027, co obxectivo de acelerar a implantación do sistema de saneamento nas parroquias. A licitación esixirá un calendario minuicioso das obras e tempos e posibilitará que por vez primeira Ponteareas.
A concelleira aclarou que os veciños e veciñas pagarán a partir da entrada do novo contrato según os consumos de auga que fagan, eliminando as cuotas mínimas e reprochou ao goberno anterior a prórroga á empresa actual e non ter aplicado as subas do IPC facendo que agora hai que devolver máis de 700.000€.
Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, subliñou a importancia deste paso administrativo que permitirá facer realidade un proxecto moi agardado pola veciñanza. A rexedora explicou que despois de máis de dous anos e medio de tramitación administrativa, o goberno municipal fai un importante avance para levar adiante esta actuación.
“Logo de dous anos e medio de espera polos procedementos administrativos, por fin podemos avanzar para facer realidade este importante proxecto que permitirá dotar ao rural de Ponteareas dun sistema de saneamento moderno e eficiente”, sinalou a alcaldesa.
Nava Castro destacou tamén que esta iniciativa suporá un paso sen precedentes na protección e mellora do medio ambiente, ao permitir unha xestión máis sostible das augas residuais e contribuír á conservación do territorio.
O proxecto foi deseñado seguindo criterios de eficiencia enerxética e sustentabilidade, co obxectivo de minimizar o impacto ambiental e garantir un sistema de mantemento viable ao longo do tempo.
Con esta iniciativa, Ponteareas sitúase á vangarda na xestión da auga no ámbito rural, ofrecendo unha resposta real a unha das principais necesidades das parroquias do municipio.
Desde o goberno municipal salientan ademais que este proxecto representa unha aposta clara pola igualdade de servizos entre o núcleo urbano e o rural, lembrando que “todas as persoas, vivan onde vivan, teñen dereito a contar cun saneamento digno, moderno e adaptado ás necesidades do territorio”.



