HomeA CoruñaO PSdeG denuncia a deixadez do goberno bipartito co patrimonio escultórico de...

O PSdeG denuncia a deixadez do goberno bipartito co patrimonio escultórico de Santiago

- Anuncio -spot_img

Marta Abal critica o estado do conxunto escultórico de Leopoldo Nóvoa en Bonaval e reclama a súa restauración inmediata.

A concelleira socialista advirte dun “patrón preocupante” de abandono e falta de mantemento do patrimonio artístico da cidade.
Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2026. A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal denunciou a deixadez do goberno bipartito do BNG e Compostela Aberta co patrimonio escultórico da cidade e reclamou unha actuación inmediata para garantir a súa conservación e posta en valor.

Abal sinalou que o exemplo máis evidente desta situación é o conxunto escultórico de Leopoldo Nóvoa en Bonaval, que “leva xa demasiado tempo con pintadas, nun estado impropio dunha cidade que presume de patrimonio e de cultura”, sen que o goberno municipal fixese nada para a súa limpeza e restauración.

A edil socialista advertiu de que “non estamos ante un feito illado” e lembrou que o grupo socialista xa puxera de manifesto a mesma falta de coidado coa escultura Maternidade, de Buciños, na contorna de Fontiñas. Segundo explicou, o Partido Socialista tivo que reclamar a súa reposición e “só tras moita insistencia foi finalmente reposta en febreiro deste ano”.

Neste contexto, Abal asegurou que “o que estamos vendo é un patrón preocupante: abandono, desleixo e ausencia de actuación diante de elementos que forman parte da memoria urbana e do patrimonio artístico de Santiago”, e criticou que “non se pode falar de defensa da cultura e ao mesmo tempo consentir que o patrimonio escultórico da cidade permaneza deteriorado”.

A concelleira socialista subliñou ademais que “coidar do patrimonio escultórico de Santiago é coidar Compostela”, porque supón “respectar a súa memoria, protexer a súa identidade e conservar aquilo que tamén explica quen somos como cidade”.
Por iso, anunciou que o Grupo Municipal Socialista esixirá no vindeiro pleno “a restauración inmediata do conxunto escultórico de Leopoldo Nóvoa en Bonaval e un compromiso real do goberno municipal co coidado, conservación e posta en valor do patrimonio escultórico de Santiago”.

Abal concluíu lembrando que “coidar o patrimonio non é un xesto accesorio: é unha obriga institucional e unha responsabilidade coa memoria colectiva da cidade”.

Publicacións Relacionadas