Santiago Freire asegura que o bipartito “leva seis meses de propaganda, intentando vender como propios proxectos conseguidos polo meu Goberno, chegando incluso a cambiarlles o nome para que parezan diferentes e que fixeron algo”
O voceiro e presidente local do PP de Noia, Santiago Freire, asegura que os primeiros seis meses de desgoberno do PSOE e a Marea, coa complicidade dun tránsfuga e do BNG, demostraron a súa absoluta incapacidade para xestionar nin un so proxecto novidoso para Noia. “Están sempre queixándose da herdanza do Partido Popular, cando esa herdanza é a que lles está a salvar a cara diante dos veciños e veciñas de Noia xa que o meu Goberno deixou programados investimentos por máis de 6,5 millóns de euros. Eses mesmos proxectos que agora eles intentan vender como propios ante a veciñanza con mentiras e propaganda, chegando incluso a cambiarlles o nome para que parezan diferentes e que fixeron algo”, lamenta.
Neste sentido, os populares lembran que nestes últimos meses o Concello de Noia leva executados máis de 1,7 millóns de euros en investimentos conseguidos, orzamentados, proxectados e mesmo adxudicados polo Goberno presidido por Santiago Freire. “Levan seis meses sen mover un dedo e vivindo da propaganda, de venderlle á veciñanza as obras que nós tiñamos proxectadas. E por riba teñen a desvergoña de criticarnos e de dicir que de non ser por eles non se terían realizado, como fixeron recentemente coa instalacións da aerotermia no campo de fútbol ou cos paneis solares do pavillón Alonso Rodríguez, dúas actuacións xestionadas polo meu Goberno diante da Xunta de Galicia”, indica Freire.
O PP de Noia reivindica que as xestións realizadas no Goberno municipal permitiron a execución de investimentos como as pavimentacións realizadas en Pontenafonso e Boa; as obras de mellora e reparación integral no Coliseo Noela, que permitiron a súa reapertura; a ampliación e mellora das instalacións do punto limpo; a mellora do saneamento en Augalevada; a pavimentación do viario de Vilardante a Vilafabeiro; o ascensor da Casa da Cultura; o novo tractor con rozadora; a ampliación das beirarrúas do polígono de Augalevada; ou as obras da factoría da mocidade.
“O último exemplo témolo co Plan de Sostenibilidade Turística en Destino da Ría de Muros Noia, que contempla 2,3 millóns de euros de inversións na comarca. Un plan aprobado en 2022, que permitiu facer obras como o acondicionamento dos miradoiros de Bergondo e San Cristina e que contempla obras que agora PSOE e Marea pretenden vender como propias tales como o acondicionamento dos xardíns Felipe de Castro, as acometidas para o Albergue da Chaínza e a Factoría da Mocidade ou a área para autocaravanas”, apunta Santiago Freire, quen remarca que “estamos falando dun plan aprobado no 2022 pero que agora PSOE e Marea tentan vender como xestión propia cando non tiveron que mover nin un dedo”.
4,5 millóns en saneamento e abastecemento
Ademais, Freire Abeijón lembra que “sen a herdanza do Partido Popular non estariamos a piques de rematar dúas das obras máis importantes das últimas décadas en Noia, como son a remodelación integral da depuradora e a mellora da ETAP, que suman un investimento de máis de 4,5 millóns de euros. E cando neste verán os veciños e veciñas desfruten dun notable incremento da calidade da auga da billa, será grazas ao Goberno do Partido Popular, por moito que a propaganda do Concello busque colgarse a medalla”.
O mesmo acontece coa depuradora, para quen a Xunta ten reservados 1,6 millóns de euros neste ano 2026 e cuxa posta en marcha redundará na mellora dos servizos e da calidade de vida dos veciños e veciñas de Noia, así como no coidado da Ría, o que redundará positivamente no futuro da pesca, do marisqueo e do turismo. “E lémbrolle ao señor alcalde que se o Concello de Noia coñece as deficiencias existentes na rede é grazas ao Plan Director de Saneamento de Noia, impulsado baixo o meu Goberno e que non so identificou as incidencias máis importantes, senón que propuxo actuacións a curto, medio e longo prazo para garantir a correcta depuración e mellorar a calidade das augas da ría”, especifica Santiago Freire, quen lamenta que “vistos os proxectos xenéricos en materia de saneamento incluídos nos Orzamentos 2026, moito me temo que non seguirán as directrices marcadas no Plan Director e suporán unha paralización na mellora do saneamento de Noia”.
Finalmente, o PP de Noia indica que nos próximos meses executaranse outros 230.000 euros en proxectos xestionados polo Goberno popular, tales como a instalación de beirarrúas diante do edificio Casino, a humanización das rúas Pontevedra, Brasil e Lorenzo da Armada; a pavimentación dos accesos ao colexio da Barquiña; ou unha ampliación en Sobreviñas. “Entón será cando se vexa a diferenza na xestión do Partido Popular e do bipartito: pois fronte aos 2 millóns de euros de investimentos xestionados por nós, sen contar xa os 4,5 millóns da EDAR e da ETAP, o Goberno do PSOE e da Marea tan só vai poder executar obras por 800.000 euros. Será entón cando a xente se decate de que nestes meses non se ten feito nada, máis aló de dicir o malos que somos os populares, os bos que son eles e sacarlle fotos a todo para as Redes Sociais, dá igual que sexa unha limpeza normal dunha rúa que dunha reunión con xente que non compromete ningún tipo de investimento para Noia”.



