A iniciativa é impulsada pola Asociación Española Contra o Cancro e contará co apoio do Centro de Saúde da Laracha e do Concello.
10 de marzo de 2026. O Concello anuncia a posta en marcha na Laracha dun Club de Saúde, unha iniciativa que nace da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) co obxectivo de fomentar o benestar integral dos pacientes oncolóxicos, superviventes de cancro e tamén dos seus familiares. O programa desenvolverase coa colaboración do Centro de Saúde da Laracha.
Este proxecto de intervención sociocomunitaria está deseñado especialmente para achegar recursos de apoio e promoción da saúde a persoas que residen en contornas rurais, ofrecendo ferramentas e espazos de encontro que contribúan a mellorar o seu benestar físico, emocional e social. A actividade desenvolverase a través de sesións grupais semanais, coordinadas por profesionais especializados e co apoio do voluntariado da AECC. Os encontros permitirán ás persoas participantes compartir experiencias, adquirir hábitos saudables e fortalecer a súa rede de apoio.
Entre os contidos que se abordarán nas sesións destacan a actividade física adaptada ás capacidades de cada persoa, a alimentación saudable e o autocuidado, así como a xestión emocional, técnicas de relaxación e estratexias para afrontar situacións de estrés ou dificultade. Ademais, o programa inclúe propostas de carácter social e de lecer que favorecen a convivencia e a socialización entre os participantes.
Os talleres celebraranse no Centro de Saúde da Laracha os xoves a partir do 9 de abril e en horario de 17:00 a 18:30 horas.
A participación no Club de Saúde é totalmente gratuíta, aínda que as prazas son limitadas coa finalidade de garantir unha atención axeitada aos participantes.
As persoas interesadas poden solicitar máis información ou formalizar a súa inscrición chamando ao teléfono gratuíto 900 100 036. Tamén é posible anotarse no propio Centro de Saúde da Laracha ou no departamento municipal de Servizos Sociais situado no Edificio Administrativo da Laracha.
A posta en marcha desta iniciativa é posible grazas á colaboración entre a Asociación Española Contra o Cancro, o Concello e o Centro de Saúde da Laracha, unha cooperación que permite achegar recursos de apoio, información e acompañamento ás persoas que conviven coa enfermidade e ás súas familias.



