O alcalde asistiu hoxe á xornada de plantación de 39 árbores nos terreos municipais que bordean o centro de ensino.
O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, o concelleiro de Medio Ambiente, José Ramón Martínez Barbeito, e a concelleira de Educación, Patricia Bello, acudiron hoxe ao CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco para presenciar a xornada de plantación de árbores por parte do alumnado do centro, que deron os primeiros pasos para enriquecer o bosque autóctono existente xunto ao colexio no marco do programa Aprender do bosque, impulsado pola Fundación María José Jove.
A actividade desenvolveuse neses terreos municipais que bordean o centro de ensino, un espazo amplo que resultou clave para que o CEIP Alfredo Brañas puidese optar a resultar premiado neste proxecto educativo e ambiental. Esa ubicación permitirá que o alumnado poida seguir de preto a evolución do bosque ao longo do tempo e integralo nas actividades educativas do centro.
Na plantación participaron, organizados por grupos, os 158 alumnos e alumnas acompañados pola dirección, profesorado e persoal do centro. Durante a xornada plantáronse un total de 39 árbores: 11 castiñeiros e 28 exemplares doutras especies autóctonas como carballos, bidueiros e sobreiras, seguindo as indicacións de técnicos especializados.
O programa Aprender do bosque é unha iniciativa da Fundación María José Jove dirixida a colexios de toda Galicia que forma parte de Reverdecer, programa que promove un achegamento ao concepto de intelixencia vexetal como modelo de sustentabilidade e resiliencia, ao tempo que facilita comprender o papel esencial das plantas na regulación do medio natural.
Aprender do bosque propón establecer unha relación continua e práctica cun ecosistema vivo que evoluciona xunto coa comunidade escolar.
O alumnado non só participa na plantación do bosque, senón que tamén o fai no seu coidado e seguimento ao longo do tempo, converténdoo nun recurso educativo que permite observar de primeira man os procesos naturais e a evolución das especies. Desde unha perspectiva pedagóxica, o programa ofrece acompañamento durante todo o curso aos centros participantes e ferramentas para espertar a sensibilidade, a curiosidade e a creatividade arredor do mundo vexetal. Para a comunidade educativa suporá un reforzamento do seu vínculo co medio natural, o que fomentará os valores de respecto, coidado e responsabilidade ambiental.



