O presidente da Deputación, Luis Menor, mantivo hoxe un encontro de traballo con membros da directiva desta entidade “moderna, competitiva e que defende os intereses dos seus asociados” con iniciativas como esta formación que son pioneiras e exclusivas”
Este ciclo contribúe á “remuda xeracional, á instalación de novas autoescolas e á que non existan listas de espera para sacar o carné de conducir como acontece noutros territorios”, engadiu Luis Menor
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo hoxe un encontro de traballo con membros da directiva da Asociación Provincial de Autoescolas encabezada polo seu presidente, Luis Novoa, para analizar o traballo que se leva a cabo neste sector en Ourense.
Neste sentido, cómpre lembrar que a Deputación de Ourense impulsou xunto á Asociación a posta en marcha en Ourense do ciclo formativo de técnico superior en formación para a mobilidade segura e sostible, “unha oferta educativa que se imparte de xeito exclusivo en Ourense e que garante a remuda xeracional”, salientou Menor.
Actualmente, están inscritos neste ciclo máis de medio cento de persoas procedentes de toda a comunidade autónoma e incluso do noroeste peninsular, que poden realizar de xeito presencial ou semipresencial.
“Continuamos colaborando activamente no financiamento deste ciclo que ten dado excelentes resultados”, asegurou o presidente provincial, non só contribuíndo á remuda xeracional, senón tamén “á instalación de novas autoescolas e á que non existan listas de espera para sacar o carné de conducir como acontece noutros territorios”, engadiu o presidente provincial, quen destacou o importante traballo que realiza esta asociación, que reúne acase o 100% de todas as autoescolas de toda a provincia.



