HomeO MorrazoMarínO BNG reclama á Xunta que lidere un Plan Integral para Castiñeiras

O BNG reclama á Xunta que lidere un Plan Integral para Castiñeiras

- Anuncio -spot_img

Lucía Santos sinala que, pese ao gran potencial de Castiñeiras, o espazo carece dun proxecto global de xestión que permita aproveitar todas as súas posibilidades sociais, educativas e turísticas. O BNG propón que a Xunta lidere, xunto cos concellos, a Deputación e as comunidades de montes, un plan coordinado para mellorar a súa conservación e poñelo en valor

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentará no próximo pleno municipal, que se celebrará o 12 de marzo, unha moción para solicitar ao goberno local do PP (Partido Popular) que inste á Xunta de Galiza a lierar a posta en marcha dun plan integral de conservación, mantemento e dinamización do Parque da Natureza de Castiñeiras.

O parque de Castiñeiras é un enclave natural de grande valor situado entre Marín e Vilaboa, cunha superficie de arredor de 70 hectáreas e con importantes recursos ambientais, paisaxísticos e culturais. Segundo explica a portavoz municipal do BNG, Lucía Santos Omil, a pesar de contar cun gran potencial, na actualidade, este espazo non conta cun proxecto global de xestión nin cunha figura específica de protección, o que limita as posibilidades de aproveitamento social, educativo e turístico do espazo.

A formación nacionalista sinala que nos últimos anos realizáronse algunhas actuacións puntuais na contorna, impulsadas polas propias comunidades de montes, ás veces en colaboración con outras entidades. Entre estas iniciativas destaca o proxecto Botánico do Lago, liderado pola Fundación Xoán XXIII nos terreos que ocupaba o antigo Centro de Recuperación da Fauna Salvaxe.

Santos Omil manifesta que máis alá destas iniciativas segue faltando un proxecto integral de conservación, protección e dinamización deste espazo natural e cultural, polo que defende que a Xunta asuma un papel activo de responsabilidade na elaboración dun plan integral que permita poñer en valor todas as potencialidades que ten este espazo, que podería ser un auténtico motor de desenvolvemento e promoción dunha zona situada estratexicamente entre Pontevedra, O Morrazo e a área de Vigo.

En definitiva, os nacionalistas propoñen que a Xunta lidere, en colaboración e coordinación cos actores implicados, como son os concellos, a Deputación e as comunidades de montes, un plan coordinado que permita mellorar a conservación do espazo, impulsar actividades sociais, culturais e ambientais e reforzar o seu potencial como recurso natural e cultural da comarca. Así mesmo, a iniciativa solicita estudar a posibilidade de dotar este ámbito dunha figura de protección adecuada, que contribúa a preservar os seus valores naturais e patrimoniais e a garantir unha xestión sostible no futuro.

Publicacións Relacionadas